Skip to main content

O Consello de Goberno aproba o Plan de Internacionalización da USC

O Consello de Goberno aprobou o Plan Estratéxico de Internacionalización (PEI), “un instrumento preciso para profundar no proceso de internacionalización da Universidade” en liña co Plan Estratéxico 2011-2020 así como na Programación Plurianual 2015-2018, “a prol de facer da USC unha institución máis prestixiosa e actual” e “buscando situarse como centro de referencia no mundo da educación superior a escala global”.

O Plan terá unha horizonte temporal de tres anos, ata 2020, e buscará asentar estratexicamente á USC a escala internacional potenciando todos aqueles aspectos que implican “ mobilidade, intercambio, proxectos, captación de talento e recursos”, así como establecemento de redes ou imaxe de marca. Neste senso o documento posúe unha clara dimensión transversal cuxa vocación será “modernizar a institucións no seu conxunto”. Esta mesma vocación de internacionalización “significa converter a USC nun axente máis relevante nesta ciencia global e nesta mobilidade internacional de estudantes e persoal investigador novel e sénior, tanto de entrada como de saída e convertela nun potencial destino académico, científico ou laboral para persoas de todo o mundo, tanto de Galicia, España e Europa como dos demais continentes.

O plan aspira ao reforzamento integral do grao de internacionalización de toda a comunidade universitaria da USC de cara á “explotación máxima das sinerxías que esta mellora transversal xerará”. O ofrecemento ao estudantado “dunha experiencia vital internacional mentres realiza os seus estudos repercutirá na súa mellor e máis completa formación académica e humana e aumentará a súa empregabilidade”. Ao mesmo tempo, promover a participación do PDI e do PAS en programas formativos e de intercambio internacionais “revalorizará o noso capital humano a través da mellora da súa cualificación, visibilidade e intercambio de boas prácticas”.

O Plan recolle catro liñas estratéxicas de actuación agrupadas nos módulos Internacionalización Institucional da USC, da Oferta Docente, da Actividade Investigadora e de Cooperación e, finalmente, a través da captación e da mobilidade das persoas.

The contents of this page were updated on 10.19.2017.