Skip to main content

A USC mantense no chanzo 501-600 das mellores universidades do mundo

a Universidade de Santiago de Compostela, tal e como xa sucedera en 2024, ocupa o chanzo 11-16 de entre as institucións universitarias do Estado. FOTO: Santi Alvite
a Universidade de Santiago de Compostela, tal e como xa sucedera en 2024, ocupa o chanzo 11-16 de entre as institucións universitarias do Estado. FOTO: Santi Alvite
Na contorna estatal, a Universidade de Santiago de Compostela continúa no intervalo 11-16, segundo o Academic Ranking of World Universities (ARWU), popularmente coñecido como Ránking de Shanghai
Lugo, Santiago de Compostela

O popularmente coñecido como Ránking de Shanghai volve situar a USC no intervalo 501-600, de entre as mellores universidades do mundo. Ademais, para o Academic Ranking of World Universities (ARWU), a Universidade de Santiago de Compostela, tal e como xa sucedera en 2024, ocupa o chanzo 11-16 de entre as institucións universitarias do Estado. En total, ARWU clasifica anualmente máis de 2.500 universidades e publica a listaxe coas 1.000 mellores.

ARWU utiliza seis indicadores obxectivos para clasificar as universidades mundiais, incluíndo o número de persoal investigador altamente citado, o número de artigos publicados en revistas de Nature e Science, o número de artigos indexados no Science Citation Index - Expanded e no Social Sciences Citation Index, o rendemento per cápita de cada universidade e o número de ex estudantado e persoal galardoados con Premios Nobel e Medallas Fields

Clasificación por materias 

Ademais desta clasificación xeral, ARWU publica, tamén de xeito anual, un ránking de universidades por ámbitos temáticos, cuxa última edición veu a luz a finais de 2024. Nesta clasificación, a USC ocupa o chanzo 51-75 en Ciencias Veterinarias (posición 4-5 entre as universidades de toda España) e o 76-100 en Farmacia e Ciencias Farmacéuticas (posto número 2 a nivel estatal). A terceira mellor posición nesta clasificación internacional de universidades segundo eidos temáticos é para Odontoloxía e Ciencias Orais, ámbito que ocupa o intervalo 151-200 a nivel mundial e o posto 4-5 entre as universidades españolas. O número de materias nas que destaca a Universidade de Santiago de Compostela ascende a un total de quince, pertencentes a todas as áreas de coñecemento avaliadas polo ránking. 

A institución compostelá destaca tamén en Ciencias Ambientais e Enxeñaría, ámbito no que ocupa o terceiro posto a nivel estatal. Ademais, a USC ocupa no contexto español o posto 2-6 en Ciencias Biolóxicas Humanas; en Psicoloxía, sitúase no chanzo 3-8; en Biotecnoloxía, ocupa o banzo 5-7; mentres que en Física, a posición acadada sitúa a USC no posto 5-9. En todos estes ámbitos a USC acada o posto 201-300 do mundo. 

O resto de ámbitos nos que destaca a Universidade de Santiago de Compostela son: Administración de empresas (posto 6-9 de España e 201-300 internacional), Ciencias Políticas (8-9 de España e 301-400 internacional), Medicina Clínica (9 de España e 401-500 do mundo); Ecoloxía (9-20 de España e 301-400 internacional), Ciencias Agrícolas (11-19 de España e 201-300 do mundo); Química (13-15 do Estado e 401-500 do mundo); Tecnoloxía e Ciencias dos Alimentos (13-19 de España e 201-300 do mundo). 

The contents of this page were updated on 08.15.2025.