Skip to main content

Marcelino Oreja doou a contía do XXI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia a Aldeas Infantiles

Marcelino Oreja doou a contía do XXI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia a Aldeas Infantiles
Marcelino Oreja doou a contía do XXI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia a Aldeas Infantiles

O galardoado co XXI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, Marcelino Oreja Aguirre, asinou este luns en San Xerome o acordo de doazón da contía económica do galardón, 6.000 euros, a Aldeas Infantiles SOS Galicia, pola que acudiu a súa directora de calidade, Felisa Carrera.

Na doazón estiveron tamén presentes o reitor Juan Viaño; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, Teresa Carballeira Rivera, que ademais participaron no seminario internacional Camiño de Santiago e Europa que organiza a Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC en colaboración co Grupo Compostela de Universidades

Neste encontro, que analiza a pegada da ruta de peregrinación na cultura e construción europea, máis de 50 especialistas e estudantes internacionais interveñen en relatorios e debates nos que se abordarán os aspectos xurídicos, sociais e culturais do Camiño.

No acto inaugural, a vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido, asegurou que “o espírito do Camiño está presente na nosa actividade cotiá, na que fomentamos a promoción e organización de iniciativas que contribúan ao debate cultural e académico a través do traballo de recoñecidos investigadores e agora de xeito máis expreso a través da nosa Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, da man da Axencia Turismo de Galicia e da Catedral de Santiago”.

Grupo Compostela de Universidades
O Grupo Compostela de Universidades é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, que traballa en prol da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da educación superior. O GCU comezou a súa andaina no ano 1994 e dende a súa creación, foi medrando ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades de todo o mundo. Todos os peregrinos do Grupo Compostela de Universidades comparten os valores de cooperación e integración desenvolvidos en torno ao Camiño a Santiago.

The contents of this page were updated on 10.23.2017.