Skip to main content

Últimos días para preinscribirse en tres cursos en materia de igualdade en formato microcredencial

Son tres os cursos que oferta a OIX. Foto: Santi Alvite
Son tres os cursos que oferta a OIX. Foto: Santi Alvite
A Oficina de Igualdade de Xénero da USC desenvolveraos en setembro e outubro en Ciencias da Educación. As microcredenciais son un tipo de formación especializada breve impulsada pola Comisión Europea que permite adquirir competencias, coñecementos ou habilidades específicas e conectadas coas necesidades do sector produtivo.
Santiago de Compostela

A Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da USC mantén abertos os prazos de preinscrición en tres cursos de formación específica Microcredencial Universitaria, todos eles a desenvolver en Santiago de xeito presencial.

O vindeiro día 10 pecha a preinscrición para o curso ‘As violencias sexuais offline e online: intervención pedagóxica para a súa prevención’, que terá lugar do 22 ao 26 de setembro en Ciencias da Educación (Campus Sur).

Xa o 19 de setembro finaliza o prazo para preinscribirse nos cursos ‘A perspectiva de xénero nas aulas de Ensino Secundario’, a desenvolver do 6 ao 10 de outubro,  e ‘A perspectiva de xénero nas aulas de Infantil e Primaria’ os días 7, 14 e 21 de outubro nas instalacións da Facultade, pero nesta ocasión no Campus Norte.

Microcredenciais


As microcredenciais son un tipo de formación especializada breve impulsada pola Comisión Europea que permite adquirir competencias, coñecementos ou habilidades específicas e conectadas coas necesidades do sector produtivo. O termo microcredencial universitaria designa, así mesmo, o certificado que acredita a superación deste tipo de formación. Trátase dunha certificación dixital que proporciona toda a información necesaria para demostrar as competencias profesionais adquiridas a través da formación.

Ademais dos que oferta a OIX, a USC mantén unha oferta continuada deste tipo de cursos ao longo de todo o ano. Dende o Centro de Estudos Propios lembran ademais que a admisión de propostas destes cursos se estende tamén a todo o curso académico.
 

The contents of this page were updated on 09.05.2025.