Skip to main content

INNOV4LIFE abre unha convocatoria para validar solucións dixitais en saúde en Galicia e o Norte de Portugal

A convocatoria prioriza as solucións orientadas ao envellecemento, deterioro cognitivo e demencia. Foto: Santi Alvite
A convocatoria prioriza as solucións orientadas ao envellecemento, deterioro cognitivo e demencia. Foto: Santi Alvite
Con prioridade para as solucións orientadas ao envellecemento, deterioro cognitivo e demencia, busca pechar a fenda entre quen innova con tecnoloxías que necesitan ser validadas e as persoas usuarias finais a quen se dirixen esas solucións

A USC forma parte do consorcio do proxecto INNOV4LIFE, unha iniciativa para establecer unha rede transfronteiriza de living labs entre Galicia e o Norte de Portugal que axudará a pechar a fenda entre quen innova con tecnoloxías que necesitan ser validadas (fase crucial dun proceso de innovación) e as persoas usuarias finais que forman parte do grupo demográfico ao que se dirixen estas solucións. “Dese xeito créanse as condicións que permiten probar a recepción e adopción de solucións dixitais para a saúde entre os usuarios finais na súa propia contorna”, explican dende o proxecto, que pretende transformar a saúde a través de solucións dixitais innovadoras fundamentadas na investigación científica.

Un Living Lab é unha contorna de innovación colaborativa na que empresas, institucións, usuarios finais e outras partes interesadas se reúnen para co crear, desenvolver, probar e validar novas solucións en condicións reais de uso. Estes ‘laboratorios vivos’ permiten un enfoque centrado na persoa usuaria, con metodoloxías abertas e participativas para implicar a todos os axentes relevantes no proceso de innovación.

Precisamente para testar e validar solucións innovadoras en contornas reais, INNOV4LIFE, vinculado ao Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS) e cofinanciado polo programa Interreg España–Portugal (POCTEP) 2021–2027, acaba de abrir unha convocatoria dirixida a empresas, pemes, startups e persoas emprendedoras do ámbito da saúde dixital. A convocatoria está estruturada en tres modalidades segundo o nivel de desenvolvemento tecnolóxico: ideación e desenvolvemento inicial, desenvolvemento avanzado e validación clínica no Living Lab de Vigo.

Entre os principais beneficios desta convocatoria destacan o acceso a procesos de co-creación con pacientes, coidadores e coidadoras e profesionais sanitarios, a validación técnica e clínica, o apoio ao deseño centrado na persoa usuaria e a mellora da visibilidade e aceleración da entrada ao mercado.

As solicitudes para acceder á iniciativa poden presentarse ata o vindeiro 20 de outubro con prioridade para as solucións orientadas ao envellecemento, deterioro cognitivo e demencia, área na que botou a andar o proxecto e que conta coa ampla experiencia do grupo de investigación en Neurociencia Cognitiva Aplicada e Psicoxerontoloxía da USC.

As entidades socias do proxecyo reuníronse no mes de xullo na USC
As entidades socias do proxecyo reuníronse no mes de xullo na USC
The contents of this page were updated on 09.10.2025.