Skip to main content

O outono no hemisferio norte comeza o 22 de setembro ás 20.19 horas

O outono é con case que 90 días a terceira estación do ano en duración. FOTO: Santi Alvite
O outono é con case que 90 días a terceira estación do ano en duración. FOTO: Santi Alvite
Tendo en conta o bimestre de xullo e agosto, este ano só se mediron 29,2 litros/m2 na estación meteorolóxica do Observatorio Ramón María Aller da USC
Santiago de Compostela

Este luns 22 de setembro, ás 20.19 horas comezará o outono no hemisferio norte. Dita hora marca o instante no que o Sol no seu movemento aparente na bóveda celeste sobre a eclíptica está no punto Libra, pasando do hemisferio norte ao sur. “Ao igual que sucede no equinoccio de primavera, son datas estas nas que a duración do día e a noite son semellantes”, explica o coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo. Porén debido ao efecto do crepúsculo, “a  iluminación da atmosfera antes do amencer o logo do solpor, fai que teñamos máis día ca noite”, engade.

O outono é con case que 90 días a terceira estación do ano en duración e neste 2025 vai estenderse ata o 21 de decembro, día no cal ás 16.03 horas terá lugar o solsticio de inverno. Na estación que agora comeza haberá catro choivas de estrelas: as dracónidas e oriónidas de outubro, as leónidas de novembro e as xemínidas de decembro, sendo esta última a máis activa de todas elas en torno ao 17 de dito mes, que ademais este ano cadra sen Lúa.

“Nos vindeiros meses xa teremos ocasión de ver a simple vista os planetas Saturno e Xúpiter a primeiras horas da noite e, sobre o 29 de outubro, Mercurio estará en condicións ideais de ser contemplado no crepúsculo vespertino”, sinala o profesor Docobo. “Tamén será interesante de observar a conxunción dos planetas Mercurio e Venus ao amencer do 25 de novembro, día no que cara as 8 da mañá sairán xuntos”, explica.

Vaise un verán seco e caloroso 

Meteoroloxicamente falando remata un verán seco e caloroso, especialmente o mes de agosto. Tendo en conta o bimestre xullo + agosto, este ano só se mediron 29,2 litros/m2 na estación meteorolóxica do Observatorio da USC, pero aínda así esta cantidade foi superior ao mesmo período dos  seguintes anos deste século. Así, en  2002 rexistráronse 27,2 l/m2, en 2010, 25,2 l/m2; en 2016, 13,8  l/m2, e en 2022, 23,2 l/m2.

En rexistros deste século tamén aparecen longos períodos de seca, non só estivais. “Sen ir máis lonxe, xa atopamos en 2018 un intervalo que vai dende o 12 de xuño ata o 10 de outubro (4 meses), nos que só se rexistraran 93 litros/m2, pero pode que peor fora en 2016, cando dende o 17 de xuño ata o  12 de setembro (case  3 meses), a choiva medida só chegara aos 13,8 l/m2”, explica Docobo. 

Tanto no agosto deste ano coma no mesmo mes de 2003, a temperatura máxima sobrepasou os trinta graos en 14 xornadas. Porén a media das máximas de agosto de 2003 (28º9) supera en medio grao á corresponde a agosto de 2025 (28º4). “A temperatura máxima daquel agosto de hai vinte e dous anos fora de 39º7 (acadados o día 12), mentres que no agosto que acaba de rematar foi de 35º8 (día 5)”, destaca o coordinador científico do Observatorio.

A pesar da forte calor diúrna, as temperaturas mínimas non alcanzaron en agosto os vinte graos, cousa que si sucedeu naquel agosto co que estamos a comparar (20º6, tanto na noite do día 7 coma do 8). Incluso houbo anos de noites máis quentes coma aquelas do 14 e 15 de xullo de 2022, cando non se baixara dos 23º en Santiago, ou os 22º9 do día 27 de xuño de 2013.

 

The contents of this page were updated on 09.19.2025.