Skip to main content

A Cátedra do Pan premiará os traballos fin de grao e de mestrado que poñan en valor os cereais e os seus produtos derivados

Terán cabida todos aqueles TFG e TFM que abrangan dende a produción dos cereais ata a fase final de comercialización dos produtos obtidos. FOTO: Santi Alvite
Terán cabida todos aqueles TFG e TFM que abrangan dende a produción dos cereais ata a fase final de comercialización dos produtos obtidos. FOTO: Santi Alvite
O prazo para concorrer ao certame remata o 6 de outubro
Lugo

A USC convoca unha nova edición do certame que recoñece aqueles Traballos Fin de Grao (TFG) e Fin de Mestrado (TFM) que poñen en valor os cereais e o pan tradicional. Esta iniciativa enmarcada dentro da actividade da Cátedra do Pan e do Cereal, dirixida pola catedrática do departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, Ángeles Romero, mantén aberto o prazo de recepción de traballos ata o 6 de outubro. As investigacións poden presentarse a través dun formulario en liña segundo os requirimentos establecidos na convocatoria.

Poderá presentarse a este premio todo o estudantado que teña defendido durante o curso académico 2024-2025 un TFG ou un TFM en calquera universidade española, que versen sobre os cereais e produtos derivados, así como na súa posta en valor. Terán cabida todos aqueles TFG e TFM que abrangan dende a produción dos cereais ata a fase final de comercialización dos produtos obtidos. Os traballos poderán presentarse en calquera idioma, pero de vir noutro diferente ás linguas oficiais da USC, deberán estar acompañados dun resumen de máximo 1.500 palabras en galego, castelán ou inglés.

Outorgarase tres galardóns para cunha dotación económica de 1000 euros para o primeiro premio, 500 para o segundo e 250 para o terceiro, acompañados do correspondente diploma acreditativo. No caso de haber máis dunha persoa gañadora, o importe do premio repartiríase en partes iguais para cada unha delas. No caso de que o xurado considere que ningún dos traballos presentados acada un nivel axeitado podería declararse deserto o premio.

Na valoración das candidaturas, tomarase en consideración a orixinalidade do traballo (25%); as novidades das súas achegas ao coñecemento dos temas estudados, tendo en conta a bibliografía citada (25%); a actualidade e calidade da súa metodoloxía (25%); e as calidades formais dos textos: calidade da redacción, xeito de presentar e estruturar a información e calidade do aparato gráfico (25%).

Esta Cátedra institucional da USC aborda cuestións como a análise xenética na produción de semente, fariña e pan; a caracterización físico-química e nutricional das fariñas e dos pans; así como a organoléptica dos pans, mediante catadores adestrados; realiza estudos microscópicos das fariñas e do pan na trazabilidade co apoio de redes neuronais; avalía a biodiversidade na produción ecolóxica fronte á convencional de cereais autóctonos; profunda na avaliación económica e do contexto agroecolóxico do cultivo de cereais autóctonos para a produción de pan; e desenvolve estudos de consumidores.
 

The contents of this page were updated on 09.22.2025.