Skip to main content

Ciencia, cultura, turismo sustentable e cooperación europea arredor do último solpor da Europa continental

O solpor converteuse en metáfora da cooperación transnacional, reforzando a idea dunha Europa unida pola súa xeografía, pero tamén pola súa cultura e o seu compromiso compartido
O solpor converteuse en metáfora da cooperación transnacional, reforzando a idea dunha Europa unida pola súa xeografía, pero tamén pola súa cultura e o seu compromiso compartido
O proxecto Atlantic Sunset, no que participa a USC, conmemorou na Costa da Morte o Interreg Cooperation Day 2025
Santiago de Compostela

A Costa da Morte converteuse este venres 19 nun dos escenarios principais da cooperación territorial europea coa celebración do Interreg Cooperation Day 2025, unha xornada que, baixo o marco do proxecto Atlantic Sunset, reuniu máis de cen persoas entre especialistas, representantes políticos e cidadanía para render homenaxe ao fenómeno natural e simbólico da última posta de sol da Europa continental. A xornada serviu para celebrar a cooperación europea máis aló das fronteiras, poñendo en valor por primeira vez o simbólico vínculo entre os diferentes puntos xeográficos do continente que son considerados ‘finis terrae’ e que ao longo do ano son o último lugar no que se pon o sol. O evento foi organizado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (Fundación CEER), entidade coordinadora do proxecto Atlantic Sunset, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a través do Grupo de Investigación de Análise Territorial (ANTE), do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e do Departamento de Física Aplicada e, tamén, Wireless Galicia.

O Interreg Cooperation Day tivo lugar en dous dos enclaves máis icónicos da xeografía atlántica. A primeira parte do programa, dirixida polo profesor da USC Jorge Mira, tivo lugar no faro de Touriñán, onde se celebrou unha recepción institucional con representantes de Galicia e do norte de Portugal no que se recoñeceu a singularidade deste enclave, o máis occidental de España, e que, durante parte do ano, xunto aos municipios costeiros da Costa da Morte acolle a última posta de sol de Europa continental. Neste acto interviñeron a directora do programa Interreg Atlantic Area, Sandra Silva; o presidente de Turismo Porto e Norte de Portugal, Luís Pedro Martins; o director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Ángel Miramontes; e o alcalde da Laracha e presidente da CMAT, José Manuel López Varela. Durante a cerimonia entregáronse placas de recoñecemento ao Concello de Carnota, polo Monte Pindo, e ao municipio portugués de Viana do Castelo, pola súa integración na rede de puntos emblemáticos do proxecto. O momento central en Touriñán foi a inauguración dunha placa conmemorativa que identifica o cabo como lugar privilexiado para contemplar o último “solpor” de Europa continental, na que participaron a tenente de alcalde de Muxía, Sandra Vilela, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

A continuación, autoridades e público trasladáronse á segunda parte do evento no Cabo Fisterra. Este acto, conducido pola directora da Fundación CEER, Inês Gusman, incluíu a entrega dunha nova placa ao concello local e as intervencións do alcalde, Luis Insua; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. A parte máis interactiva chegou da man da empresa tecnolóxica Wireless Galicia, que realizou unha exposición de tecnoloxía e experiencias inmersivas para a valorización das postas de sol na costa atlántica onde os visitantes puideron usar unhas lentes de realidade virtual para gozar de vistas aéreas de diferentes localizacións do proxecto Atlantic Sunset. Un dos momentos máis destacados da xornada foi a observación simultánea do ocaso, na que se lembrou o carácter simbólico desta data: o 19 de setembro marca o tránsito do último sol continental desde Galicia cara a Portugal, pasando dos cabos da Costa da Morte ao Cabo da Roca, en Lisboa. Este fenómeno natural converteuse en metáfora da cooperación transnacional, reforzando a idea dunha Europa unida pola súa xeografía, pero tamén pola súa cultura e o seu compromiso compartido. A xornada estivo acompañada de moita música, incluíndo dous momentos clave, o da posta de sol, co grupo Vos Sib do Solpor e o final do acto coa voz de Irma Macías que serviu como peche festivo e simbólico do evento.

“Faro atlántico”

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou na súa intervención o papel de Galicia como “faro atlántico”, subliñando que o que xeograficamente podería considerarse periferia, convértese en vantaxe grazas á súa posición como porta de entrada e saída a Europa desde o océano. Así mesmo, resaltou a importancia dos máis de 30 anos do programa Interreg como ferramenta esencial para abordar desafíos comúns no ámbito do medio mariño, a innovación, a mobilidade ou o turismo sostible. Pola súa banda, a directora da Fundación CEER lembrou que o proxecto Atlantic Sunset non se limita a unha celebración puntual, senón que persegue articular unha rede de territorios atlánticos unidos por un patrimonio común: a posta de sol como fenómeno natural, cultural e científico. Desde esta perspectiva, preténdese poñer en valor o coñecemento astronómico e ambiental, promover a investigación interdisciplinaria e ofrecer alternativas de desenvolvemento local baseadas nun turismo respectuoso coa identidade e a biodiversidade do territorio. O programa incluíu unha presentación sobre a orixe do proxecto e os pasos que o levaron ata aquí, e o seu potencial alcance internacional, así como da dimensión científica deste fenómeno natural, a cargo de Jorge Mira. O acto serviu tamén para resaltar o vínculo histórico e espiritual de Fisterra co Camiño de Santiago, onde durante séculos o final da viaxe non foi a Catedral compostelá, senón precisamente a contemplación do sol afundíndose no Atlántico. O relatorio correu a cargo de Lucrezia López, profesora da USC e directora do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR).

O proxecto Atlantic Sunset, coordinado pola Fundación CEER e financiado pola Unión Europea a través do programa Interreg Atlantic Area, busca construír unha rede de territorios atlánticos que comparten este patrimonio único das postas de sol. A rede inclúe espazos en Galicia, Portugal, Francia, Irlanda e outros puntos do litoral europeo, que traballarán conxuntamente na promoción turística sostible, a divulgación científica e a cooperación cultural. Desta maneira, búscase non só potenciar a visibilidade internacional de enclaves como A Costa da Morte, senón tamén ofrecer ás comunidades locais novas oportunidades de desenvolvemento económico baseado na sustentabilidade, a innovación e a cooperación transfronteiriza. A celebración do Interreg Cooperation Day 2025 na Costa da Morte supuxo un fito na proxección atlántica de Galicia e na consolidación da Fundación CEER como entidade de referencia na coordinación de proxectos europeos. A combinación de ciencia, turismo, cultura e cooperación reforza a idea de que a posta de sol atlántica non é só un espectáculo natural, senón tamén un recurso para construír futuro, comunidade e conciencia europea.

 

A xornada reuniu máis de cen persoas entre especialistas, representantes políticos e cidadanía para render homenaxe ao fenómeno natural e simbólico da última posta de sol da Europa continental
A xornada reuniu máis de cen persoas entre especialistas, representantes políticos e cidadanía para render homenaxe ao fenómeno natural e simbólico da última posta de sol da Europa continental
No marco da celebración desenvolvéronse actividades divulgativas para a cativada
No marco da celebración desenvolvéronse actividades divulgativas para a cativada
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, participou na actividade inmersiva da que se puido gozar durante a xornada
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, participou na actividade inmersiva da que se puido gozar durante a xornada
The contents of this page were updated on 09.24.2025.