
O programa de Faísca Cultural Laboratorios de Ficcións Especulativas toma como punto de partida a exposición Ficcións Especulativas, aberta do 16 de outubro de 2025 ao 28 de febreiro de 2026 no Colexio de Fonseca. As diversas actividades buscan crear espazos de encontro entre a creación artística e o pensamento crítico arredor de formas alternativas de inventar, de xerar novos discursos e de construír coñecemento. Conectando o saber académico coas linguaxes e procesos da arte contemporánea os eventos buscan expandir a reflexión entre o estudantado das diferentes facultades.
Os Laboratorios de Ficcións Especulativas propoñen unha viaxe polo territorio onde a ciencia, a ficción e o marabilloso se entrelazan. A exposición, que reúne o traballo de máis de doce artistas, parte da idea de que toda hipótese científica nace como unha ficción: unha ollada cara ao futuro ou un intento de ver máis alá. A través da imaxinación, da ciencia ficción e dos oráculos, as creadoras e creadores participantes exploran como estes recursos nos axudan a concibir o mundo que está por vir e a repensar o presente que habitamos. Celebraranse dende coloquios, visitas guiadas, conferencias, aulas ou obradoiros que buscarán activar a curiosidade crítica dos participantes.
A participación nas actividades é libre para toda a comunidade universitaria ata completar a capacidade dos espazos.