Skip to main content

A saúde mental na etapa adolescente e xuvenil, eixo dunha xornada en Psicoloxía

As xornadas diríxense a estudantado, familias e profesionais do eido educativo, social e da saúde. Foto: Santi Alvite
As xornadas diríxense a estudantado, familias e profesionais do eido educativo, social e da saúde. Foto: Santi Alvite
Dará comezo cun conversatorio coa psicóloga e divulgadora satírica Lorena Gascón

A propósito do Día Mundial da Saúde Mental, a USC e Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolven o 8 de outubro as xornadas ‘Saúde mental e mocidade: coidar o presente para construír o futuro’. Na actividade, formulada de 16:00 a 20:00 horas no salón de actos da Facultade de Psicoloxía, preténdese conversar e coñecer distintas experiencias para a prevención, coidado e atención á saúde mental na etapa adolescente e xuvenil.

Logo da inauguración oficial, ás 16.15 horas terá lugar un conversatorio coa psicóloga e divulgadora satírica Lorena Gascón (@lapsicologajaputa), que será presentada por Tamara Pazos (@putamen_t), investigadora e divulgadora científica sobre saúde e neurociencia en redes sociais.

A xornada continuará con dúas mesas redondas sobre promoción e prevención da saúde mental entre a mocidade e sobre os coidados 360º da saúde mental na mocidade. Na primeira contarase coa participación da psicóloga de APEM Isabel Varela, a profesora da USC Patricia Gómez e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Sergas, Almudena Díaz. Na segunda, o presidente de Alume, Manuel Fernández; a xefa do Servizo de Atención á Saúde mental do Sergas, Yolanda Triñanes; a coordinadora da Unidade de Atención Psicolóxica da USC, Ana López; Álvaro Gómez Pérez, da asociación DOA; e Natalia Ruiz de Cortázar, directora da asociación Experentia. Clausura as xornadas o presidente de FEAFES, Xosé Ramón Girón.

As xornadas están dirixidas a estudantado, familias, profesionais do eido educativo, social e da saúde así como asociacións de saúde mental e afíns. A inscrición é de balde ata completar a capacidade da sala.
 

The contents of this page were updated on 10.06.2025.