Skip to main content

O iLTIUS alumeará o contexto histórico e socio-cultural no que se desenvolveron e transmitiron as linguas e os seus textos

De esquerda a dereita, Elias Feijó, Antonio López, Pilar Bermejo e María José Alonso Veloso. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Elias Feijó, Antonio López, Pilar Bermejo e María José Alonso Veloso. FOTO: Santi Alvite
O acto de presentación deste novo Instituto da USC serviu para poñer o foco neste “patrimonio que debe ser transferido á sociedade actual para que reafirme a súa propia identidade, a través do coñecemento dos valores culturais do pasado”, explicou a directora comisaria María José Alonso Veloso
Lugo, Santiago de Compostela

O Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias da USC (iLTIUS), primeiro instituto de investigación de Galicia que abordará o continuo entre a lingua e a literatura, dende a perspectiva sincrónica e diacrónica, presentouse este martes 7 nun acto que tivo lugar na Facultade de Filoloxía. A sesión, presidida polo reitor Antonio López Díaz, serviu para dar conta de como os xa máis de 60 membros do Instituto abordarán “o complexo contexto histórico e socio-cultural no que se desenvolveron e transmitiron as linguas e os seus textos, orais e escritos, como patrimonio que debe ser transferido á sociedade actual para que reafirme a súa propia identidade, a través do coñecemento dos valores culturais do pasado”, explicou durante a súa intervención a directora comisaria, María José Alonso Veloso. Ademais da profesora Alonso Veloso, participaron no acto a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera, e o decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijó Torres.

Posúen especial interese para o iLTIUS, continuou María José Alonso Veloso, as variedades lingüísticas e manifestacións literarias derivadas da expansión xeográfica de tres linguas globais: o español, o inglés e o portugués, “así como a súa convivencia e interacción con linguas e culturas minorizadas como a galega”. O iLTIUS desenvolverá unha axenda científica estruturada en cinco retos: linguaxe e cognición, competencia lingüística e comunicativa, patrimonio literario, tecnoloxías e diversidade.

Táboa redonda 

Logo da apertura institucional, tivo lugar unha táboa redonda sobre o iLTIUS ante os desafíos da investigación lingüística e literaria na que interviñeron os investigadores José Virgilio García Trabazo, do Grupo CLASMED (Estudos Clásicos e Medievais); Ignacio Palacios Martínez, do Grupo LAEAITDT (Lingüística Aplicada ao Ensino e Aprendizaxe do inglés, Tradución e Deseño textual); e Pilar Lorenzo Gradín, do Grupo Quevedo (El Siglo de Quevedo). Moderou o debate Tamara Bouso Rivas, secretaria comisaria do iLTIUS, quen lembrou como “nun mundo marcado pola diversidade, a dixitalización e a transformación social, esta táboa redonda quere ser un espazo de reflexión crítica sobre o futuro das Humanidades, un punto de encontro para compartir ideas, metodoloxías e retos comúns entre disciplinas”.

As intervencións das persoas participantes xiraron arredor de dous eixos argumentais. Por unha banda, as oportunidades de colaboración interdisciplinaria que abren os retos do iLTIUS con outros campos de coñecemento no futuro das Humanidades, o que implica abordar a posible intersección cos avances da Intelixencia Artificial no eido das Humanidades Dixitais; e pola outra, o posible impacto dos retos do iLTIUS na sociedade e nas políticas culturais, educativas e tecnolóxicas, con atención á transferencia do coñecemento e os resultados da investigación científica.

Músculo investigador

Máis de 30 proxectos do Plan Nacional, 2 europeos e 17 autonómicos dirixidos polo persoal investigador do iLTIUS entre 2019 e 2024, ademais de 14 axudas doutros organismos, son tan só algunhas das cifras que a directora comisaria puxo enriba da mesa para salientar o músculo investigador que agroma neste novo centro. En conxunto, todos eses proxectos, lembrou, “representaron máis de 2 millóns de euros de financiamento competitivo só entre 2021 e 2023”. A profesora Alonso Veloso puxo tamén o foco nos case 20 proxectos vixentes na actualidade, 90 na década comprendida entre 2015 e 2024. Tal e como destacou, “estamos ante unha traxectoria histórica de case 3.000 publicacións e máis de 130 tese doutoral dirixidas”. Un percorrido destacado, engadiu, “que o será aínda máis polo efecto multiplicador que sen dúbida exercerá a nosa integración no Instituto”.

O equipo investigador do Instituto pertence a distintas áreas, maioritaria pero non exclusivamente adscritas ás Facultades de Filoloxía e Humanidades da USC: Filoloxía alemá, Filoloxía francesa, Filoloxía galega e portuguesa, Filoloxía grega, Filoloxía inglesa, Filoloxía latina, Filoloxía románica, Lingua española, Lingüística indoeuropea, Literatura española, e Didáctica da Lingua e a Literatura. “A este persoal iremos engadindo, pois así o permite o noso Regulamento de Réxime Interno, colaboradores externos procedentes de prestixiosos centros de investigación situados en España e en distintos lugares do mundo, buscando a máxima internacionalización da nosa actividade”, concluíu a directora comisaria.

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 10.07.2025.