A USC participa no Segundo Informe Mundial sobre a Avaliación da Biodiversidade e os Servizos dos Ecosistemas

O profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo e investigador distinguido do Centro de Investigación CRETUS Sebastián Villasante participará como experto internacional no Segundo Informe Mundial sobre a Avaliación da Biodiversidade e os Servizos dos Ecosistemas, que será elaborado pola Plataforma Intergobernamental Científico-Normativa sobre Biodiversidade e Servizos dos Ecosistemas (IPBES). O informe, que será realizado por máis de 100 científicos e científicas de 40 países, constituirá a avaliación máis completa sobre o estado da natureza e as súas contribucións ao benestar humano.
A participación da USC, e concretamente do EqualSea Lab do CRETUS, reforza o seu liderado internacional na investigación sobre sustentabilidade, economía azul e transformación ecolóxica. O profesor Villasante formará parte do equipo encargado de analizar as interaccións entre os sistemas socioeconómicos, a biodiversidade mariña e as contribucións á natureza, achegando a súa recoñecida experiencia en economía dos recursos mariños. “Este informe fornecerá unha base científica sólida para orientar as políticas públicas cara á conservación da biodiversidade, a xustiza ambiental e o uso sustentable dos recursos naturais”, explica o investigador.
O obxectivo xeral desta segunda avaliación global, prevista para 2018, é valorar o coñecemento relevante dispoñible desde a publicación do primeiro Informe de Avaliación Global sobre Biodiversidade e Servizos dos Ecosistemas e analizar o progreso cara ao logro dos obxectivos de sustentabilidade e de vivir en harmonía coa natureza. Deste xeito, o futuro informe reforzará a interface ciencia-política sobre biodiversidade e as contribucións da natureza ás persoas nun amplo abano de escalas espaciais, desde a local ata a global, proporcionando o coñecemento e as ferramentas de apoio político necesarias para unha toma de decisións informada.
Apoiar os gobernos e outros axentes na posta en marcha dos obxectivos dos acordos ambientais multilaterais relevantes e da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable e os ODS así como cara ao cumprimento dos obxectivos para 2050 do Marco Global de Biodiversidade de Kunming-Montreal son os obxectivos concretos marcados nesta segunda avaliación global.