Skip to main content

Xornada de Convivencia e Formación Universitaria no Campus de Santiago

10.22.2025 | 10.00h
Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. FOTO: Santi Alvite

A terceira edición das Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria, unha actividade que organiza o Consello do Estudantado para facilitar a integración e formación como parte activa da vida universitaria, continúa o 22 de outubro no Campus de Santiago, logo dunha primeira sesión, o 14 de outubro, en Lugo. A xornada comezará ás 10.00 horas cunha dinámica de grupo no salón de actos de Ciencias Políticas e Sociais. 

As xornadas están especialmente pensadas, previa inscrición, para persoas de primeiro e segundo curso, pero están abertas a todo o estudantado da USC, xa que os contidos e actividades poden resultar proveitosos para calquera persoa interesada en coñecer mellor a universidade. 

Ao longo dos dous días desenvolveranse charlas, obradoiros prácticos, formacións e dinámicas participativas arredor de temas clave como os dereitos do estudantado, a participación universitaria, a saúde mental, os primeiros auxilios, a carreira investigadora, as habilidades comunicativas, os recursos para o estudo e moitos outros contidos de interese. Ademais, contarase coa colaboración de diversas asociacións universitarias.

Dende o Consello do Estudantado, destacan que durante as xornadas as faltas de asistencia a clase estarán xustificadas. Ademais, entregarase certificado de participación e o desprazamento e a comida de ambos os días estarán cubertos. A participación implica a obtención de 1 crédito ECTS. 

The contents of this page were updated on 10.08.2025.