
A Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo (EPSE) acolle o xoves 16 de outubro, ás 18.00 horas, a cerimonia de entrega da oitava edición dos Premios Rafael Crecente, unha iniciativa consolidada que recoñece propostas innovadoras no ámbito da xestión territorial, o desenvolvemento rural e a sustentabilidade ambiental en Galicia. Dende a súa creación en 2017, estes premios renden homenaxe a Rafael Crecente Maseda, profesor do departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e figura clave na evolución da xestión territorial en Galicia.
O acto, que terá lugar no Salón de Actos da EPSE, estará aberto ao público e contará cunha programación que combina a presentación dos proxectos premiados con relatorios de especialistas internacionais. A cerimonia está organizada polo Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural (IBADER) e o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela, entidades que traballan activamente na promoción da innovación aplicada ao territorio galego.
Nesta edición, as persoas asistentes poderán escoitar a Harvey M. Jacobs, profesor emérito da Universidade de Wisconsin-Madison (EEUU), que ofrecerá a conferencia maxistral titulada ‘Private Property and Sustainable Environmental Management: A 21st Century Challenge’. A súa intervención abordará os retos contemporáneos na xestión ambiental dende a perspectiva da propiedade privada. Tamén participará Pacôme Elouna Eyenga, líder da EIP-AGRI Support Facility da EU CAP Network, quen falará sobre o papel da innovación na agricultura dentro da Política Agraria Común (PAC) e o papel da rede europea EIP-AGRI. Ambas as intervencións contarán con tradución simultánea do inglés para as persoas asistentes que o precisen.
Os Premios Rafael Crecente diríxense á mocidade titulada e teñen como obxectivo impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas novidosas que contribúan á mellora da xestión territorial, á conservación do medio ambiente e ao desenvolvemento rural en Galicia. Os galardóns inclúen un primeiro premio de 2.000 euros e un segundo de 1.000 euros, ademais dun diploma acreditativo.
Crecente foi impulsor do grupo de investigación Territorio – Biodiversidade e creador do Sistema de Información Territorial (SIT), a primeira plataforma tecnolóxica sobre Sistemas de Información Xeográfica (SIX) aplicada ao territorio galego.
A Universidade de Santiago de Compostela, a través do Campus Terra, reafirma con esta iniciativa o seu compromiso coa innovación, a sustentabilidade e a posta en valor do talento novo como motor de transformación territorial. Prégase confirmación de asistencia á entrega de premios a través dun formulario en liña ou no teléfono 982 822 833.
