Skip to main content

Conferencia de Salva Arco, director xeral do Club Baloncesto Breogán

Nado en Navàs (Barcelona) en 1984, Salva Arco desenvolveu unha destacada carreira como xogador profesional de baloncesto durante 19 tempadas
Nado en Navàs (Barcelona) en 1984, Salva Arco desenvolveu unha destacada carreira como xogador profesional de baloncesto durante 19 tempadas

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC inaugura o curso académico 2025-2026 cunha conferencia a cargo de Salva Arco Frías, director xeral do Club Baloncesto Breogán SAD e ex xogador profesional de baloncesto. Baixo o título 'Da pista á empresa: valores que inspiran', a charla terá lugar o xoves 16 de outubro ás 12.30 horas na Aula Magna da Facultade de ADE. Durante a súa intervención, Salva Arco compartirá a súa experiencia persoal e profesional, establecendo paralelismos entre o deporte de alto rendemento e a xestión empresarial. Abordará valores como o esforzo, o liderado, o traballo en equipo e a superación, explicando como estes principios poden servir de guía tamén no ámbito organizativo e directivo.

Nado en Navàs (Barcelona) en 1984, Salva Arco desenvolveu unha destacada carreira como xogador profesional de baloncesto durante 19 tempadas, disputando máis de 600 partidos entre ACB, LEB e Eurocup. Foi protagonista de catro ascensos á ACB (GBC 2008, Ourense 2015, Breogán 2018 e 2021) e capitán do Club Baloncesto Breogán, onde se converteu nun referente dentro e fóra da pista.

Graduado en Marketing e Investigación de Mercados pola Universitat Oberta de Catalunya (UOC), foi distinguido co Premio Extraordinario ao Mellor Expediente Académico. Tras a súa retirada como xogador, dirixiu a Fundación Breogán (2021–2024), impulsando proxectos sociais, deportivos e educativos, e dende 2024 exerce como Director Xeral do C.B. Breogán, liderando o desenvolvemento institucional e estratéxico do club. Ademais, é fundador e director do Campus Arco, un programa formativo e deportivo dirixido á mocidade.
 

The contents of this page were updated on 10.14.2025.