
A sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, acolle o xoves 23 de outubro unha xornada de portas abertas dirixida a estudantes da Facultade de Física. Trátase dunha iniciativa promovida pola Delegación de Alumn@s de Física, e ten por obxectivo achegar ao estudantado o labor investigador que se desenvolve no centro.
A actividade terá lugar en dúas quendas: unha pola mañá (a partir das 10.30 horas) e outra á tarde (a partir das 15.30), co fin de facilitar a asistencia. Por motivos de organización, o acceso estará limitado a un máximo de 30 prazas en cada quenda, que se cubrirán por orde de inscrición. Para asistir é precisa a inscrición previa inscrición nun formulario en liña.
Programa
A xornada de portas abertas comezará en ambas quendas cunha recepción e benvida do director do Instituto, Carlos A. Salgado. A continuación, o persoal investigador do centro ofrecerá unha serie de charlas breves sobre as diversas liñas científicas nas que traballan. Darase logo paso a unha sesión de preguntas e respostas, na que o estudantado da Facultade poderá conversar con parte do equipo do IGFAE. Posteriormente, poderán percorrer as instalacións e algún dos laboratorios do IGFAE. Na parte final, haberá tempo para un concurso sobre o propio centro, con agasallos para quen demostre maiores coñecementos sobre a historia e o labor do IGFAE.
Sobre o IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) naceu no ano 1999 co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica no ámbito da física de partículas, astropartículas e nuclear, así como en campos relacionados como a física médica e a instrumentación.
Desde a súa creación, un dos puntos fortes foi a aposta pola internacionalización, integrándose en grandes instalacións experimentais de ámbito mundial, como a Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), o Observatorio Pierre Auger, os aceleradores GSI-FAIR e GANIL ou a colaboración LIGO. Na actualidade, o equipo está composto por unhas 130 persoas, das que arredor do 25% procede doutros países (hai unhas 20 nacionalidades) e un 93% das publicacións científicas teñen coautoría internacional.
No ano 2017, o IGFAE foi recoñecido como Unidade María de Maeztu, a acreditación máis prestixiosa e competitiva outorgada pola Axencia Estatal de Investigación do Goberno español. No ano 2024 o Instituto renovou esta acreditación, sendo o único centro galego con dúas destas distincións. Ademais, forma parte da rede de centros CIGUS da Xunta de Galicia desde o ano 2019, o que acredita a calidade e impacto da súa investigación. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.
O Instituto destaca polo seu éxito en convocatorias como os proxectos de excelencia do Consello Europeo de Investigación (ERC) ou as bolsas Marie Curie da Comisión Europea. O IGFAE tamén se viu recoñecido en 2017 e 2025 cos premios Breakthrough, coñecidos como os ‘Oscar da Ciencia’, polos avances acadados no marco das colaboracións LIGO e LHCb-CERN.
No eido formativo, o persoal do IGFAE, como parte do equipo docente e investigador da USC, titoriza na actualidade traballos de fin de grao e mestrado. Ademais, o centro impulsa todos os anos un programa de Bolsas de Verán para estudantado de grao, e tamén ofrece unha liña de contratos de iniciación á investigación, o que supón a oportunidade de achegarse á vida diaria dun centro de referencia en física de partículas. Na etapa de doutoramento, o Instituto acolle na actualidade a máis de 60 estudantes que desenvolven a súa tese.