A USC recibe este sábado a centos de estudantes internacionais
A Universidade de Santiago recibirá este sábado 23 a máis de cincocentos estudantes estranxeiros, procedentes de todas as partes do mundo. En total, este curso académico a USC acollerá a case un milleiro que se incorporan en setembro e a preto de douscentos que o farán no segundo semestre.
A xornada comezará ás 12.30 horas cunha foto de grupo na Praza do Obradoiro e continuará ás cunha recepción institucional, ás 13.30 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca que presidirá o reitor Juan Viaño. Nela participarán tamén a vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; e as vicerreitoras de Investigación e Innovación e de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Isabel Rodríguez-Moldes e Dolores Álvarez.
Nese mesmo acto o reitor entregaralles un documento acreditativo aos catro cidadáns de orixe siria seleccionados na segunda edición do Programa de Axudas para Persoas Refuxiadas convocado pola Vicerreitoría de Internacionalización e ás dúas seleccionadas no I Programa de Bolsas para a realización de estudos por parte de estudantes africanas, unha acción realizada coa Fundación Mujeres por África.
O resto da xornada, que rematará sobre as 19.00 horas, transcorrerá nos xardíns do Campus Vida, nos que os novos estudantes visitarán as diferentes mesas dos servizos que a USC pon á súa disposición xunto con información das asociacións estudantís e empresas de servizos e lecer da cidade. A carpa contará tamén coa participación de estudantes ex erasmus, conmemorando así o 30 aniversario do programa europeo.