O CLM conmemora o Día Europeo das Linguas cunha nova edición do Café de Linguas
O Centro de Linguas Modernas da USC abrirá unha nova edición do Café de Linguas este martes 26 de setembro coincidindo coa celebración do Día Europeo das Linguas. O Café de Linguas son encontros lingüísticos de balde, complementarios ás clases do CLM, abertos a toda a USC. As persoas que decidan sumarse non precisan de nivel mínimo.
Celébranse na Biblioteca Concepción Arenal de luns a venres en horario de 16.30 a 20.30 horas. Cada un dos días está dedicado a un idioma distinto. Así o luns é posible entrar en contacto con falantes interesados/as en español como lingua estranxeira, catalán e inglés; o martes cos de checo, francés ou italiano; o mércores, será a quenda de chinés, portugués e galego para non galego-falantes; o xoves, a de alemán, árabe e ruso; e o venres, finalmente, estará dedicado a lingua de signos, polaco e xaponés.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Centro de Linguas Modernas no correo electrónico clm [at] usc.es (clm[at]usc[dot]es) ou no teléfono 881 814 443.