Skip to main content

Arranca unha nova edición do programa de desenvolvemento profesional Mentoring da USC

O propósito fundamental deste proxecto, impulsado pola Área de Orientación Laboral e Emprego, é mellorar as posibilidades de acceso ao mundo laboral do estudantado e persoas tituladas. FOTO: Santi Alvite
O propósito fundamental deste proxecto, impulsado pola Área de Orientación Laboral e Emprego, é mellorar as posibilidades de acceso ao mundo laboral do estudantado e persoas tituladas. FOTO: Santi Alvite
Ata o 29 de outubro é posible inscribirse nesta iniciativa que chega xa á súa edición décimo primeira e coa que se pretende brindar apoio para a toma de decisións e a planificación do futuro laboral
Lugo, Santiago de Compostela

O estudantado de último curso de grao ou mestrado no presente  ano académico, así como as persoas que obtiveron un título de grao ou mestrado o pasado curso, xa poden solicitar praza no programa Mentoring da USC, unha iniciativa coa que se pretende fomentar o desenvolvemento profesional das persoas que xa remataron ou están a rematar os seus estudos universitarios. Ao longo de todas as convocatorias desta iniciativa, participaron xa máis de 800 estudantes. O prazo para participar nesta iniciativa que chega xa á súa edición décimo primeira edición permanece aberto ata o 29 de outubro a través da Secretaría Virtual da USC.  

O propósito fundamental deste proxecto, impulsado pola Área de Orientación Laboral e Emprego, é mellorar as posibilidades de acceso ao mundo laboral do estudantado e persoas tituladas, “brindándolles a oportunidade de establecer contacto con destacados profesionais da área profesional nos seus respectivos campos”, explican dende a organización do programa. As persoas mentoras comparten co estudantado coñecementos da súa área de traballo e información sobre alternativas profesionais, alén de clarificar dúbidas sobre a profesión elixida, ofrecer apoio para a definición do obxectivo profesional, de itinerarios formativos, e facilitar coñecementos específicos e prácticos sobre a profesión.

Ademais o estudantado ten a oportunidade de participar en diversas accións formativas que facilitan a mellora e adquisición de habilidades, proporcionándolles as ferramentas necesarias para deseñar unha estratexia efectiva de busca activa de emprego. A actual convocatoria  do programa contará coa colaboración de case un cento de profesionais de diferentes sectores, profesións e responsabilidades. As dúbidas sobre o proceso poden trasladarse a través do enderezo electrónico proxecto.mentoring [at] usc.gal (proxecto[dot]mentoring[at]usc[dot]gal)  

The contents of this page were updated on 10.23.2025.