Skip to main content

Ciclo de Cine Filosófico

Proxección do filme ‘Chronik der Anna Magdalena Bach’, de Danièle Huillet e Jean-Marie Straub

10.29.2025 | 18.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

A proxección será no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía. Foto: Santi Alvite
A proxección será no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía. Foto: Santi Alvite

A Facultade de Filosofía proxecta o mércores 29 ás 18:00 no Salón de Actos o filme Chronik der Anna Magdalena Bach (1968), de Danièle Huillet e Jean-Marie Straub, unha actividade do Ciclo de Cine Filosófico. Nesta ocasión, o decano do centro, Xavier de Donato, presenta un filme revolucionario sobre a vida do compositor barroco Johann Sebastian Bach, considerado un dos máis importantes da historia da música.

A cinta non é unha biografía convencional, senón unha meditación sobre o tempo, a verdade e o traballo artístico. A través dunha posta en escena austera —planos fixos, interpretacións musicais en directo, ausencia de dramatismo—, Straub e Huillet propoñen unha reflexión sobre a relación entre arte e materia, entre forma e memoria.

No espírito de Walter Benjamin, para quen “non hai documento de cultura que non sexa tamén documento de barbarie”, o filme desmonta a idea romántica do xenio illado e mostra a creación musical como un labor colectivo e corporal, encarnado na figura do clavecinista holandés Gustav Leonhardt, un dos pais da interpretación historicista da música antiga e barroca. Estreada en 1968, Chronik der Anna Magdalena Bach pode lerse tamén en clave marxista: un cinema de resistencia que aposta pola escoita e pola verdade material fronte ao espectáculo. 
 

Cartel da proxección
Cartel da proxección
The contents of this page were updated on 10.23.2025.