Skip to main content

A Cátedra Castelao impulsa un ciclo de coloquios para profundar nas diversas facianas desta figura senlleira da cultura galega

Detalle do cartel do encontro
Detalle do cartel do encontro
A actividade que comeza este xoves 30, ás 17.00 horas, en Filoloxía, desenvólvese con motivo do 75 aniversario do seu pasamento
Santiago de Compostela

A Cátedra Institucional Castelao, centrada na proxección da figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, impulsa un ciclo de coloquios que profundará en diversos aspectos da traxectoria deste referente senlleiro para a lingua e cultura galegas. Así, estes diálogos servirán para abarcar a súa obra literaria e artística, pero tamén a súa faciana política e mesmo a translación cinematográfica de certos episodios da súa vida. O vindeiro 30 de outubro, ás 17.00 horas, a Facultade de Filoloxía da USC acollerá o primeiro dos coloquios. Diego Rivadulla, Ana Acuña e Roberto Pascual Rodríguez conversarán arredor da obra literaria de Castelao. Iria Liñares Cereixo será a encargada de moderar o encontro.

O 6 de novembro, ás 13.00 horas, será o momento de profundar na obra artística de Castelao. O coloquio correrá a cargo de Germán Labrador, Anxo Rabuñal e Iria-Friné Rivera, baixo a moderación de Beatriz Díaz López. O 18 de novembro, os coloquios cambian de escenario e trasládanse á Facultade de Ciencias Políticas e Sociais para afondar no pensamento e acción política do autor galego. Ramón Villares, Ramón Maiz e Xosé M. Núñez Seixas, baixo a moderación da decana do centro, Marta Lois, serán os encargados de debater arredor desta cuestión ás 19.00 horas.

De volta na Facultade de Filoloxía, a directora do filme Antes de Nós, Ángeles Huerta, obra que se centra na faciana de Castelao como médico que exerce en Rianxo durante a pandemia de gripe de 1918, intervirá no derradeiro dos coloquios xunto ao autor do guión, Pepe Coira; a produtora, Zaza Ceballos; e Xoán Fórneas e Cristina Iglesias, intérpretes protagonistas da obra. Moderará o debate, o catedrático da USC, presidente da RAG e director da Cátedra Castelao, Henrique Monteagudo. O evento dará comezo ás 17.00 horas.

A Cátedra Castelao está centrada na figura, o pensamento e a obra de Castelao, como figura representativa da cultura galeguista contemporánea, nas súas diversas vertentes: literatura, artes, identidade, idioma, xornalismo, cidadanía, ou activismo político, entre outros aspectos. Esta cátedra terá como obxectivos principais o fomento da investigación e da difusión nacional e internacional de Castelao e da cultura galeguista, promovendo iniciativas de distinto tipo como encontros, debates, conferencias, ou estudos, e impulsando a colaboración entre institucións e con entidades da sociedade civil. 
 

The contents of this page were updated on 10.27.2025.