Skip to main content

Ciencia Singular

11.08.2025 | 10.00h

CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS
Santiago

O obxectivo da xornada é transmitir á sociedade a relevancia da investigación que se desenvolve nestes centros
O obxectivo da xornada é transmitir á sociedade a relevancia da investigación que se desenvolve nestes centros

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela abre, un ano máis, as portas á cidadanía o sábado 8 de novembro, na novena edición de Ciencia Singular. Centos de persoas poderán visitar durante todo o día espazos que son referencia nas súas áreas científicas. Desde as 10.00 da mañá e ata as 20.00 horas, persoas de todas as idades percorrerán estas instalacións científicas para coñecer, da man do persoal investigador, o labor punteiro que se desenvolve nelas día a día.  

Os cinco centros participantes, —Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS)— forman parte da  Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.  Estes centros están cofinanciados pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.

Para participar nas actividades é preciso un rexistro previo, que pode formalizarse na páxina web de Ciencia Singular dende o mércores 29 de outubro ás 16.00 horas. Na propia páxina estarán accesibles os programas e horarios da xornada. Habilitaranse catro quendas de visitas (10.00, 12.00, 16.00 e 18.00 horas).

O obxectivo da xornada é transmitir á sociedade a relevancia da investigación que se desenvolve nestes centros. Así, dun xeito ameno e accesible, a través de obradoiros interactivos, experimentos, visitas guiadas e charlas divulgativas, centos de visitantes poderán descubrir como se traballa en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular, a física de partículas ou as ciencias ambientais. Ciencia Singular tamén procura fomentar vocacións científicas desde idades temperás, polo que o programa inclúe actividades para o público máis novo. 

Imaxe oficial de Ciencia Singular
Imaxe oficial de Ciencia Singular
The contents of this page were updated on 10.28.2025.