Skip to main content

Presentación do proxecto de virtualización do antigo Edificio Castromil

10.31.2025 | 18.00h

Auditorio do Museo do Pobo Galego
Santiago de Compostela

Recreación virtual do Edificio Castromil
Recreación virtual do Edificio Castromil

O Auditorio do Museo do Pobo Galego acolle o venres 31 ás 18:00 horas a actividade ‘Virtualizando o Edificio Castromil 50 anos despois da súa demolición’, en lembranza dos cincuenta anos da demolición deste emblemático edificio compostelán, derrubado en setembro de 1975, tras un intenso proceso de denuncia iniciado desde o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

A iniciativa enmárcase nos traballos do grupo IDEAHS e do proxecto de financiación estatal ‘Arquitecturas soñadas. Proyectos fallidos y pensamiento utópico en la historia de la arquitectura en Galicia’ (ARSOGAL).

No acto, conducido polos membros do equipo do proxecto Santiago Rodríguez Caramés e Paula Franjo Calvo, intervirán tres dos redactores do anteproxecto de rehabilitación do edificio, os arquitectos Carlos Almuíña Díaz, Xosé Lois Martínez Suárez e Xosé Manuel Casabella, que, xunto aos xa falecidos Ramón Baltar e Xosé Bartolomé, no ano 1975 elaboraron o proxecto para salvar o edificio situado na Praza de Galicia. A proposta pretendía conservar o inmoble e dar uso público e colectivo ao edificio cunha intervención que conservaba a idea inicial de aparcadoiro subterráneo e unha ampliación multiservizos con sala de concertos, biblioteca, oficinas municipais e uso hosteleiro.

O proxecto nin sequera chegou a ser debatido, pero foi agora recuperado a través dunha virtualización en 3D realizada polo Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG), representado no acto por Carlos Paz de Lorenzo, en colaboración co persoal investigador de ARSOGAL. As imaxes, que recrean tanto o edificio desaparecido como a proposta non realizada, permitirán revisitar este episodio clave na historia do patrimonio urbano de Santiago de Compostela.

O encontro, de entrada libre ata completar a capacidade da sala, será unha oportunidade para reflexionar sobre os vínculos entre arquitectura e memoria e para coñecer de primeira man os avances tecnolóxicos que permiten recuperar espazos desaparecidos e reimaxinar o seu lugar na cidade contemporánea, desta volta en memoria dun edificio que pervive no imaxinario cidadán e que se considera como unha das decisións urbanísticas máis polémicas do século XX en Compostela. 

The contents of this page were updated on 10.29.2025.