Skip to main content

A cuarta edición do Facom Fest abre a súa programación a filmes de estudantado de todo o mundo

O Facom Fest terá lugar entre o 24 e o 27 de novembro
O Facom Fest terá lugar entre o 24 e o 27 de novembro
A inscrición no festival permanece aberta ata o 7 de novembro

O estudantado de cuarto curso de Comunicación Audiovisual da USC lanzan unha nova edición, xa a cuarta, do Facom Fest, que terá lugar entre o 24 e o 27 de novembro con financiamento das axudas da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura. A cita, que ten o propósito de visibilizar os filmes de quen se está a formar no audiovisual e servir de punto de unión entre o ámbito formativo e o profesional, nesta ocasión e como novidade dará a oportunidade de participar a estudantes de fóra de Galicia. A inscrición no festival permanece aberta ata o 7 de novembro.

Será así como a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC sexa punto de encontro para as persoas interesadas na creación audiovisual, mantendo a súa clásica sección competitiva, pero desta volta con dúas categorías: galega e internacional. Ademais, a sección non competitiva das anteriores edicións do festival completarase cunha nova centrada na tecnoloxía, as novas intelixencias e a imaxe dixital para reflexionar sobre as novas posibilidades e retos do sector audiovisual contemporáneo.

O Facom Fest 2025 concederá dous premios principais: o Premio Galego valorado en 300 euros e acompañado dunha mentoría virtual personalizada de catro horas coa distribuidora La Machina, e o Internacional cunha dotación de 200 euros. Ademais, o xurado –que combinará a presenza de estudantes coa de profesionais do sector audiovisual– poderá outorgar ata cinco mencións especiais en cada categoría e o público decidirá tamén un dos premios.

En canto ao apartado musical, nesta ocasión o escenario encherase do talento de artistas como Noelia Perpetuo ou Blackstorm Band. 
 

The contents of this page were updated on 10.30.2025.