Skip to main content

Xornada ‘Os beneficios da peregrinación como terapia de benestar. Mesas redondas e obradoiros’

11.07.2025 | 09.30h-18.30h

Lugo
Salón de Graos

O evento busca analizar o Camiño de Santiago como espazo de benestar. Foto: Lucrezia López
O evento busca analizar o Camiño de Santiago como espazo de benestar. Foto: Lucrezia López

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) da Universidade de Santiago de Compostela organiza o 7 de novembro unha xornada no Salón de Graos da Facultade de Humanidades (Lugo) sobre os beneficios da peregrinación como terapia de benestar. O evento busca analizar o Camiño de Santiago como espazo de benestar, convivencia e transformación persoal e territorial, e tamén pretende ser unha ocasión para reflexionar sobre o Camiño e o seus impactos en diferentes ámbitos.

A actividade, co financiada pola Deputación de Lugo, EUniWell e a Cátedra do Camiño de Santiago, abrirase ás 9.30 horas coa benvida institucional a cargo de Gonzalo Francisco Fernández Suárez, decano da Facultade de Humanidades; Rubén C. Lois González, director do IDEGA; e Lucrezia Lopez, directora do CETUR e organizadora da xornada.

De seguido, Rubén Lois abordará na conferencia ‘A revitalización do Camiño nos séculos XX e XXI como fenómeno cultural e turístico’ o proceso de recuperación contemporánea das rutas xacobeas e o seu papel como símbolo identitario e motor económico.

Benestar e transformacións territoriais

A primeira mesa redonda, titulada ‘Os beneficios do Camiño: terapia de benestar’, terá lugar a continuación e contará coa participación de M. Asunción Arias, presidenta da Asociación do Camiño de Santiago por Valdeorras e editora da revista Caderno do Camiño; Jesús A. Picallo Santos, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia e presidente do Camiño do Solpor; e Diana Fernández Méndez, profesora do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e investigadora do grupo GAME (IDEGA). A mesa será moderada por Lucrezia Lopez.

Na segunda mesa, ‘O Camiño de Santiago: dinámicas e transformacións socio-territoriais’, intervirán Manuel Miras Franqueira, senador nas Cortes Xerais e presidente de honra da Asociación dos Concellos do Camiño Inglés; José Luis Fernández Ansedes, vicepresidente da Agrupación de Asociacións de Amigos do Camiño do Norte e presidente da Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo; e Ángel Trabada Gómez, Presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo e Vicepresidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago. A moderación correrá tamén a cargo de Lucrezia Lopez.

Actividades interactivas 

Entre as actividades interactivas da xornada figura a proxección do vídeo ‘Que ninguén che diga que non se pode’, ás 14.00 horas a cargo de M. Asunción Arias, unha peza audiovisual centrada en historias inspiradoras de superación persoal vinculadas á peregrinación.

A xornada culminará cun obradoiro práctico conducido por Guido Álvarez. Baixo o título ‘Lugo e o Camiño de Santiago’, a saída está prevista ás 16.30 horas dende a Porta de San Pedro e nel explorarase sobre o terreo o patrimonio e os espazos de encontro que o Camiño ofrece na cidade amurallada.

Quen desexe participar nestas xornadas debe contactar co CETUR a través de cetur [at] usc.es (cetur[at]usc[dot]es).
 

The contents of this page were updated on 10.30.2025.