Skip to main content

Sosteñen que a acción climática debe incorporar a dimensión da xustiza climática

Sosteñen que a acción climática debe incorporar a dimensión da xustiza climática
Sosteñen que a acción climática debe incorporar a dimensión da xustiza climática
O profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Sebastián Villasante lidera un artigo publicado en Nature Sustainability sobre como garantir o dereito a un clima seguro
Lugo

Altos tribunais internacionais de xustiza transformaron o clamor do persoal científico pola estabilidade climática nun deber legal, recoñecendo o dereito a un clima seguro. De agora en diante, ignorar as advertencias contidas en informes globais recentes, como o informe Puntos de Non Retorno da Universidade de Exeter ou o Cambio Transformativo da plataforma IPBES, constituirá unha vulneración dese dereito.

O novo reto ao que se enfronta a sociedade é como traducir este recoñecemento legal en accións que permitan protexer a vida e reduzan as desigualdades no contexto da crise climática. Un grupo de científicos asume este reto nun artigo publicado en Nature Sustainability titulado O dereito humano a un clima seguro. O estudo está liderado polo profesor da USC e investigador distinguido no EqualSea Lab de CRETUS, Sebastián Villasante, e conta coa colaboración de investigadores e líderes de renome internacional en ciencia climática como Lynne Shannon (Universidade de Cidade do Cabo, Sudáfrica), Sandra Waddock (Boston College, Estados Unidos), Lucas A. Garibaldi (Universidade Nacional de Río Negro - CONICET, Arxentina), Joyeeta Gupta (Universidade de Ámsterdam, Países Baixos) e Unai Pascual (BC3 e Ikerbasque, España), entre outros.

«Ter recoñecido o dereito a un clima seguro significa, por exemplo, poder esixir protección contra as ondas de calor que poñen en perigo a saúde, reclamar medidas cando a seca encarece os alimentos ou demandar respostas ás inundacións que destrúen fogares e medios de vida e, o máis importante, que quen contaminan, afectando gravemente o clima, atentan contra o dereito de cada un de nós a un clima seguro», explica Villasante.

Protexer o dereito

O traballo analiza a necesidade de recoñecer e protexer o dereito humano a un clima seguro nun contexto global marcado por fenómenos climáticos extremos, degradación ambiental e crecentes desigualdades sociais. Argumenta que o cambio climático non é só un desafío ambiental ou económico, senón tamén un problema de xustiza, que afecta de forma desigual as persoas máis vulnerables do planeta.

«Garantir un clima seguro é fundamental para a saúde, o benestar e a estabilidade das sociedades. O noso traballo demostra que a acción climática debe ir acompañada de políticas que garantan a protección dos dereitos humanos», afirma o profesor Sebastián Villasante. O artigo subliña que as decisións políticas e económicas relacionadas co clima deben incorporar a dimensión da xustiza climática, recoñecendo as responsabilidades diferenciadas entre os países con maiores emisións de gases de efecto invernadoiro e os máis afectados, así como a necesidade de garantir a participación activa das comunidades afectadas.

«Os impactos do cambio climático non se distribúen equitativamente. Protexer este dereito humano require escoitar ás comunidades e garantir a súa participación na toma de decisións», engade Villasante.

Este novo marco legal significa que xa non é lexítimo que certos intereses económicos prevalezan sobre a protección da vida. «As regras do xogo cambiaron. Estamos nunha encrucillada histórica para a humanidade: ou protexemos a vida ou aceptamos seguir poñendo en risco as xeracións presentes e futuras. Pero xa non será impune seguir danando os ecosistemas e o clima», advirte o investigador da USC.

Cinco camiños para conseguilo

As persoas autoras do artigo describen cinco vías clave para avanzar nesta dirección, comezando pola aliñación das políticas climáticas nacionais co obxectivo de 1,5 °C. Isto significa eliminar gradualmente os combustibles fósiles, reformar os subsidios e fortalecer os compromisos nacionais no marco do Acordo de París. Garantir unha gobernanza inclusiva que escoite os pobos indíxenas, as mulleres, os mozos, os agricultores e os pescadores artesanais é a segunda proposta. Esixir responsabilidade legal e que os proxectos que reciben financiamento internacional respecten as persoas e a natureza son a terceira e a cuarta vía, respectivamente. Finalmente, fortalecer a sociedade civil protexendo aqueles que defenden o medio ambiente e a democracia é crucial.

Base xurídica sólida

Esta publicación científica ten unha base xurídica fundamentada e toma como punto de partida opinións consultivas recentes que marcan un punto de inflexión na aliñación do dereito internacional coa ciencia do clima. Por unha banda, a Corte Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) recoñeceu, nunha decisión histórica, o dereito humano a un medio ambiente saudable e seguro e os impactos desproporcionados que sofren os grupos vulnerables, que exacerban as desigualdades existentes. Por outra banda, a Corte Internacional de Xustiza (CIJ) declarou que un medio ambiente limpo, saudable e sostible é un requisito previo para outros dereitos humanos como a vida e a saúde, e afirmou os deberes dos Estados de previr danos climáticos significativos, establecendo o obxectivo de 1,5 °C como unha obriga legal.
 

The contents of this page were updated on 11.10.2025.