O programa Todocosmos guía este venres dúas sesións públicas de observación astronómica en Outeiro de Rei e Ribadeo

O programa de divulgación astronómica Todocosmos, unha iniciativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, que conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Ministerio de Economía, Industria e Competitividade), achegarase este venres 1 de setembro aos municipios de Outeiro de Rei e Ribadeo para desenvolver, a partir das 22.00 horas, observacións astronómicas. Estas sesións, de carácter gratuíto, están abertas a todas as persoas interesadas en participar.
O proxecto Todocosmo que promove o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, que dirixe José Ángel Docobo, permitiu a realización durante os meses estivais de diversas sesións públicas de observación astronómica en paseos marítimos e fluviais, cumes emblemáticas, prazas, rúas e praias de moi diversos lugares de Galicia. Estas actividades tiveron moi boa acollida por parte do público, xa que, segundo indica Docobo, moitas persoas tiveron a oportunidade de gozar da observación a simple vista e telescópica guiada coas explicacións de expertos do Observatorio Astronómico da USC.
As sesións de observación programadas este verán ao abeiro do proxecto Todocosmos teñen como escenario os concellos de Allariz (2 veces), Ames (2), Barbadás, Boqueixón (2), Lalín (3), Noia (3), Oroso, Porto do Son (2), Rianxo (3), Ribadeo, Sanxenxo (7), Teo (3), Valdoviño (Patín ECO SURF) ,Vila de Cruces, e Vilar de Santos.