Skip to main content

Spinway culmina este martes coa presentación pública dos cinco mellores proxectos

Os 30 mozos e mozas universitarios de 14 países de Iberoamérica que participan en Spin Way 2017 chegan hoxe a Santiago logo de cinco días de aventura emprendedora no Camiño de Santiago. Superado o reto na ruta xacobea, os emprendedores enfrontarán un último desafío este martes, 12 de setembro, para defender os seus proxectos ante un xurado nunha competición de Pitch no Edificio Emprendia.

A defensa dos cinco proxectos dará comezo ás 11.00 horas. As persoas finalistas, elixidas polos seus propios compañeiros segundo as pautas marcadas polos mentores, son José Javier Casal Pérez, da USC, coa proposta Mobilitrust; Gaston Rafael Legnani Aguirre, da Universidade ORT de Uruguay, co proxecto Krowth; Ana Vanessa Aguilar Paredes, da Universidade Concepción de Chile, con Symbiosis; Giselle Mendoza Rocha, do Instituto Tecnolóxico de Monterrey de México, con GECO; e Daniel Zaragoza Rodríguez, da Universidade mexicana de Guadalajara, con Endoshot.

O xurado que decidirá o proxecto gañador, que se coñecerá sobre as 13.45 horas, está formado pola vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; o conselleiro delegado de Uninova, José Manuel Cotos; o director xeral do Instituto de la Juventud (INJUVE), Javier Dorado; o secretario xeral do Organismo Internacional de Juventud para Iberoamérica (OIJ), Max Trejo Cervantes; o presidente de Visualiza Business, José Ramon García; e un representante de S.A. de Xestión do Plan Xacobeo (Xunta de Galicia).

A Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración con RedEmprendia, o Organismo Internacional de Juventud para Iberoamérica (OIJ) e o Instituto de la Juventud de España (Injuve) impulsan esta segunda edición de Spin Way, que conta tamén coa colaboración de Uninova, Xacobeo Galicia e Visualiza Business. Trátase dunha experiencia que aspira a transformar os seus proxectos en iniciativas de éxito, xerar lazos de amizade e cooperación para o futuro entre mozos/as de toda a rexión iberoamericana e favorecer a implementación do Pacto Iberoamericano de Juventud.

The contents of this page were updated on 09.11.2017.