Skip to main content

Simposio internacional dedicado a Xerardo Fernández Albor

Na presentación participaron, de esquerda a dereita, Marcelino Agís, Dolores Álvarez e Maite Cancelo
Na presentación participaron, de esquerda a dereita, Marcelino Agís, Dolores Álvarez e Maite Cancelo

A vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez, e o catedrático de Filosofía e presidente do comité organizador do evento, Marcelino Agís Villaverde, presentaron este luns en Filosofía o simposio internacional ‘Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente’, que se desenvolverá en Compostela os días 15 e 16 de setembro.

A vicerreitora, que lembrou a Insignia de Ouro que a USC lle impuxo a Albor en 2010, dixo no acto que “necesitamos líderes como el, transformadores e con sentido ético”. O encontro inaugurarase o venres 15 ás 10.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca cunha conferencia do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, titulada ‘Xerardo Fernández Albor e o galeguismo político do século XX’.

Ao longo das dúas xornadas –a do sábado desenvolverase na Cidade da Cultura– sucederanse diversos relatorios e mesas redondas e de debate agrupados en paneis temáticos sobre acontecementos históricos do século pasado, a escola médica compostelá, o rexurdir da cultura e das institucións galegas, os alicerces da Galicia autonómica e as novas realidades políticas nos contextos galego, español e europeo.

No acto de clausura, presidido o sábado polo presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, entregaráselle a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, concedida polo Consello de Ministros o 9 de xuño de 2017.

Entre as persoas participantes figuran o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría; o ex ministro Marcelino Oreja Aguirre; a Valedora do Pobo, Milagros Otero, así como docentes universitarios, familiares de Fernández Albor, cargos relevantes da Xunta de Galicia ou europarlamentarios.

Paralelo ao simposio, os organizadores montaron unha exposición fotográfica con documentos cedidos por varias institucións e a propia familia de Fernández Albor. A mostra, que comisaría José M. García Iglesias, poderá visitarse o venres 15 no Colexio de Fonseca e o sábado na Cidade da Cultura.

The contents of this page were updated on 09.11.2017.