O equipo da USC, finalista de Akademia You Project
O proxecto promovido polos participantes no curso Akademia You Project na USC resultou finalista nesta edición 2017 coa proposta Appettece, un directorio de restaurantes con menús adaptados a intolerancias alimentarias. O equipo da USC presentou a súa proposta no ExpoDay 2017 ante un xurado composto por unha representación do claustro de Akademia e unha representación dos principais representantes do ecosistema inversión de España. Este Expoday prendía ser un exercicio que axudara ao alumnado a coñecer a experiencia emprendedora en todas as súas situacións, dende a concepción da idea, o desenvolvemento dun prototipo ata a presentación ante posibles inversores.
Impulsado pola USC e a Fundación Bankinter, Akademia You Project é un curso que se desenvolve en diversas universidades de toda España, e no caso da institución compostelá conta co apoio de Uninova. Trátase dunha aposta por unha formación diferente enfocada a desenvolver o pensamento creativo e a resolución de problemas con respostas innovadoras que acheguen valor. Este programa naceu hai xa oito anos e os máis de mil estudantes que o teñen cursado en distintas universidades españolas o avalan, xa que o 94% do alumnado de anteriores edicións recomendan a súa realización.