A Conferencia Española de Decanos de Química reúnese en Santiago este xoves
A Conferencia Española de Decanos de Química celebra este xoves 13 e o venres unha reunión plenaria na Universidade de Santiago, que inaugurarán mañá ás 16.00 horas na Facultade o reitor compostelán Juan Viaño, e a decana da USC e presidenta da Conferencia, Pilar Bermejo.
A xuntanza contempla unha sesión de traballo centrada nas atribucións profesionais do químico, unha cuestión moi de actualidade xa que as competencias que tiñan os licenciados en química non as teñen xa os actuais graduados.
Haberá ademais unha xornada sobre a innovación docente e outra sobre a acreditación das titulacións, na que impartirá unha conferencia o profesor da Universidade de Murcia Antonio López Cabanes, que foi presidente da Subcomisión de Calidade da CRUE.
A Conferencia de Decanos de Química agrupa dende o ano 2007 os 37 centros nos que se imparte docencia das titulacións de química. Entre os seus cometidos, figura a representación colexiada e a defensa dos intereses para a mellora continua dos estudos de Química e das condición laboral dos titulados, a contribución á óptima formación profesional do químico ou a promoción de accións para a mellora da ensinanza da química na educación secundaria e bacharelato.