Última semana para inscribirse no programa de verán da Orquestra da USC

Resta apenas unha semana para inscribirse no programa de verán da Orquestra da Universidade de Santiago, un proxecto educativo que inclúe ensaios e concertos e que se celebrará do 14 ao 20 de agosto. Para poder participar, as persoas interesadas deberán ou ben ser membros da orquestra universitaria ou ben ser estudantes de música de terceiro ciclo do grao profesional ou estudantes de grao superior ou, en último caso, estudantes de música que acrediten un nivel suficiente.
Este programa de verán desenvolverase baixo o formato dun encontro con profesores e profesoras das máis recoñecidas entidades e orquestras, incluíndo a celebración de ensaios e concertos. Ás persoas procedentes de fóra de Santiago, a organización ofreceralle a posibilidade de aloxamento cun custe de 10€ por persoa e día. Para participar é preciso cubrir antes do próximo 17 de xullo a solicitude dispoñible na web.
Unha vez realizada a solicitude, a Orquestra confirmará a asistencia xunto co envío de partituras e os detalles referentes ao encontro orquestral. A organización respectará a orde de inscrición no caso de que a demanda supere a oferta prevista inicialmente, reservándose o dereito de realizar unha selección de participantes conforma ao seu nivel formativo, tendo prioridade os membros da propia orquestra. Esta é unha iniciativa aberta a instrumentistas de violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón, trombón baixo, tuba, percusión, arpa e piano.