Skip to main content

As marcas ‘Pescaenverde’ e ‘pescadeRías, de onde se non?’ identificarán conxuntamente produtos sostibles de alta calidade

Logo identificativo de 'pescaenverde'
Logo identificativo de 'pescaenverde'

A marca de garantía da USC ‘ Pescaenverde’ sumarase á de ‘ pescadeRías, de onde se non?’ combinando deste xeito o selo de calidade do peixe e marisco procedente da flota artesanal galega con indicadores medioambientais como a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético. Esta suma de esforzos e sinerxías busca poñer a disposición do/a consumidor/a final a garantía de ter un produto sostible de alta calidade, cuxa captura supón unha minimización de impactos ambientais como son o do cambio climático e o consumo enerxético. A colaboración é posible a través dun convenio asinado entre a USC e a Consellaría do Mar.

A marca ‘pescaenverde’ xurde en 2012 como actividade de transferencia de tecnoloxía dos profesores Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira do grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC. Esta marca certifica que o peixe e marisco etiquetado con ela cumpre uns requisitos ecolóxicos na emisión máxima de dióxido de carbono por kg de produto (pegada de carbono) e unha taxa de retorno enerxética mínima (ecoeficiencia enerxética). Ambos dous factores permiten garantir as boas prácticas das pesquerías minimizando o impacto sobre o cambio climático.

Pola súa banda, a marca ‘pescadeRias, ¿de onde se non?’ xurde en 2008 co obxectivo de identificar e garantir a trazabilidade dos produtos do mar procedentes da flota artesanal e sostible da costa galega. Os produtos etiquetados baixo esta marca garanten a orixe, a frescura e a calidade, respecto ao medio ambiente e a aplicación de boas prácticas na súa manipulación polas empresas responsables de por estes alimentos no mercado.

Etiqueta identificativa de 'pescadeRías'

The contents of this page were updated on 12.21.2017.