Skip to main content

Comezan a formarse os primeiros pilotos de drons da Escola Politécnica Superior

Comezan a formarse os primeiros pilotos de drons da Escola Politécnica Superior
Comezan a formarse os primeiros pilotos de drons da Escola Politécnica Superior

Esta fin de semana comezou o primeiro curso de formación de pilotos de drons da Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra da USC, que amplía así a formación do grao en Enxeñaría Xeomática e Topografía para a súa inserción non mercado laboral.

A EPS ofrece, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, dez bolsas para a realización deste curso oficial avanzado de piloto de RPAS (Sistemas aéreos remotamente pilotados) para o que a USC asinou un convenio co Real Aéreo Club de Lugo (ATO-221 aprobada pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea, AESA).

Segundo os organizadores, o certificado de piloto é un complemento “perfecto” para unha profesión como a Enxeñaría en Xeomática e Topografía, cuxos profesionais son expertos en fotogrametría e teledetección que levan décadas traballando con imaxes e datos procedentes de cámaras terrestres, montadas en avións ou en plataformas espaciais, lista á que se uniron recentemente os drons.

A EPS aposta así por complementar a formación regrada dos enxeñeiros en Xeomática e Topografía con coñecementos e competencias que facilitarán a súa incorporación nun sector en auxe en Galicia, impulsado pola propia administración autonómica a través da Civil UAV Iniciative.

Trátase dun curso avanzado (teórico e práctico) de piloto de RPAS con certificado de coñecementos acreditado por AESA, adaptado á normativa de RPA de menos de 25 kg., que os capacita para realizar operacións profesionais con vehículos aéreos non tripulados baixo o marco regulamentario vixente.

As distintas sesións formativas programadas impartiranse no mes de xullo nas instalacións do Real Aero Club de Lugo, e xa na primeira xornada os alumnos puideron ter contacto cos primeiros equipos e mesmo facer as súas primeiras prácticas de pilotaxe.

The contents of this page were updated on 07.03.2017.