Un curso aborda os trastornos psicolóxicos no ámbito da criminoloxía e a psicoloxía forense

Recoñecido pola Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense, o curso Avances en Criminoloxía e Psicoloxía Xurídica celebrarase do 12 ao 14 de xullo en Ribeira baixo a dirección de Ramón Arce Fernández e Gualberto Buela-Casal. Os seus obxectivos serán tratar os aspectos relacionados coa imputabilidade e os trastornos psicolóxicos no ámbito da criminoloxía e a psicoloxía, así como medidas como a xustiza terapéutica e analizar as consecuencias sobre a delincuencia. A inscrición pode formalizarse en web ata o 30 de xuño.
Para o desenvolvemento do programa reuniranse especialistas das universidades da Laguna, Granada, Vigo e Santiago, e representantes da policía xudicial da Garda Civil ou da Secretaría de Estado de Seguridade, entre outros. Abordarán cuestións relacionadas coa violencia e xénero, a credibilidades dos testemuños, a imputabilidade penal, avaliación pericial psicolóxica en procesos de separación e divorcio, perfís criminolóxicos do incendiario forestal e do consumidor de pornografía infantil, autopsias psicolóxicas ou casos prácticos de aplicación de perfís criminais. Tamén haberá espazo para as psicopatías, delirio celotípico e morte por amor ou teorías e casos prácticos de xenética forense, entre outras cuestións.
Este curso conta co cofinanciamento do Concello de Ribeira, do grupo Lomonaco, da Asociación Española de Psicoloxía Condutual (AEPC) e do Consello Xeral da Psicoloxía de España. A información sobre a programación da Universidade de Verán 2017 está dispoñible na web.