A Cátedra do Pan e do Cereal cumpre o seu primeiro ano de vida

A Cátedra do Pan e do Cereal celebrou este martes na Casa do Saber de Lugo un foro aberto no que distintos relatores trataron de responder a algunhas das cuestións que centran a actividade e o cometido da primeira cátedra científica ligada ao Campus Terra da USC, unha iniciativa que conta con financiamento do grupo Panadería Da Cunha e que cumpre o seu primeiro ano de vida.
O vicerreitor de coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a directora da Cátedra, Ángeles Romero; o presidente do grupo Da Cunha, Manuel da Cunha; e o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces, presidiron unha xornada na que se buscou remarcar o carácter interdisciplinar desta iniciativa.
O foro comezou cun primeiro coloquio sobre cuestións ligadas ás propiedades da terra, así como ao cultivo ecolóxico de cereais, rotacións de cultivos e ecotipos autóctonos, no que interviñeron Agustín Merino, Xan Neira Seijo, Luis Urquijo Zamora e Fernando Almeida.
O cometido dos cereais na sociedade actual centrou as intervencións de Pablo Ramil, Carlos Otero e Mar Pérez Fra, que afondaron na orixe dos cereais galegos así como da relación entre biodiversidade e agricultura e mesmo da perda de terra empregada para usos agrarios.
A visión sobre a relevancia do pan na actualidade a través dos testemuños de diversos investigadores, das persoas que participan nos procesos de elaboración de pan así como dos consumidores e xeradores de opinión pública completaron o programa desta xornada.