O alumnado coas mellores cualificacións nas Probas de Acceso á Universidade recibe o recoñecemento da USC

Preto de 1.500 persoas, entre alumnado, familiares e representantes de centros escolares de toda Galicia, asistiron este xoves 30 ao acto de recoñecemento que a USC organizou para 604 estudantes que acadaron as cualificacións máis altas, de nove ou máis, na parte xeral das Probas de Acceso á Universidade (PAU) na convocatoria de xuño. “Probablemente este sexa o lugar que concentre a maior cantidade de talento e de esforzo de toda Galicia e iso é algo sumamente reconfortante” afirmou o reitor dando á benvida á sesión.
Entre o público atópanse “os profesionais que nos curarán, que impartirán xustiza, que eduquen os nosos netos e netas, que dirixan as nosas institucións ou empresas. En definitiva, estamos ante a mellor cara do futuro que se aproxima”, engadiu Viaño. A vista do aforo repleto no Palacio de Congresos e Exposicións “é unhas das mellores fotografías que se pode obter do que significa a educación en Galicia e de todo o potencial que se pode ter dende este curruncho do mundo”. Animándoos a afrontar a etapa universitaria “con intensidade e profesionalidade”, o reitor lembroulles que “a Universidade vai estar sempre á vosa disposición, pero é imprescindible que comprendades a responsabilidade de serdes a referencia que todos debemos e queremos seguir”.
Dos 604 estudantes con mellores cualificacións nas PAU 371 son mulleres e, por provincias, 270 alumnos e alumnas proceden da Coruña, 195 de Pontevedra, 81 de Lugo e 58 de Ourense. En total, o alumnado cos mellores expedientes procede de 187 centros de ensino medio. A cada un dos estudantes entregóuselles un diploma conmemorativo e unhas gafas de realidade aumentada coa que a comezos do acto puideron realizar unha visita virtual á USC.
Xunto ao reitor que presidiu a sesión, no acto de recoñecemento tamén interviñeron en representación do alumnado Iván Arias Arias do IES do Camiño de Palas de Rei e a directora do IES San Rosendo de Mondoñedo, María José Cuesta Fernández, que falou en nome dos centros educativos. Tamén estiveron presentes o alcalde do concello de Santiago, Martiño Noriega Sánchez; o secretario do Consello Social, Benigno Carril; o coordinador do Programa A Ponte para o Campus de Lugo, Javier López González; e o delegado do reitor para o Ensino Medio, Luis Hervella Torrón, así como diversos integrantes do equipo reitoral e o concelleiro de Educación do concello compostelán, Manuel Dios Diz.


