Skip to main content

A USC elaborará a metodoloxía de xestión da transparencia pública para o Concello de Ames

A USC elaborará a metodoloxía de xestión da transparencia pública para o Concello de Ames
A USC elaborará a metodoloxía de xestión da transparencia pública para o Concello de Ames

O Concello de Ames será o primeiro organismo público no que o grupo de investigación de Psicoloxía Comercial, Comportamento do Consumidor, Estudos de Opinión e Márketing Interno e de Servizos da USC, baixo a supervisión do catedrático Jesús Varela Mallou, porá en práctica real o seu Modelo de Xestión de Transparencia.

Para levar a cabo este proxecto, o reitor Juan Viaño, o alcalde do Concello de Ames José M. Miñones Conde, e o director xeral da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Francisco Javier Pereiro Pérez, asinaron este venres en San Xerome un contrato administrativo que permitirá que o grupo da USC elabore a diagnose e implante esa metodoloxía no concello.

Coa fin de dar resposta á necesidade de construír un modelo de implantación da Lei de Transparencia, o grupo da USC desenvolveu unha metodoloxía que ademais de medir permite xestionar a de institucións públicas e en xeral calquera outra que poida ser obxectivo da nova normativa.

En concreto, a metodoloxía ideada na USC permite implantar unha cultura de transparencia levando a cabo procesos de auto-avaliación a través dunha ferramenta propia de diagnose e que, no caso de cumprir os requisitos da lei, leve a solicitar a certificación e acreditación mediante o selo ‘Concello Comprometido coa Transparencia’.

O alcalde puxo de releve no acto a necesidade dunha cultura de transparencia, tanto externa como interna, “que non só supoña trasladar información á cidadanía senón ademais establecer unha comunicación fluída con ela”. Neste punto coincidiu o profesor Varela, para quen a Lei “non é un obxectivo senón un punto de partida para comezar coa boa gobernanza dos organismos públicos”. “ Trátase –dixo– de que serva para avanzar nunha reorganización da información para promover a participación real da cidadanía”. A propia metodoloxía ideada na USC pretende contribuír á implicación do persoal que traballa nas administracións e xerar así dinámicas que redunden nunha mellora da xestión pública.

The contents of this page were updated on 04.29.2016.