A USC participa nas xornadas de interpretación e dinamización do medio rural promovidas en Friol pola asociación Carballo Vivo

A USC participa xunto coa asociación cultural Carballo Vivo de Friol na organización da cuarta edición das xornadas de interpretación e dinamización do medio rural, un foro que se desenvolverá os sábados 30 de abril, 7 e 14 de maio nas dependencias da antiga escola da parroquia friolesa de Carballo, reconvertidas hoxe en centro social.
O obxectivo destas xornadas, organizadas en colaboración co Concello de Friol, Deputación Provincial de Lugo e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, pasa por contribuír a promover o interese pola cultura e as tradicións propias da parroquia de Carballo e do concello de Friol, ademais de converterse nun foro de análise e debate da situación actual do lugar e de posibles iniciativas encamiñadas á promoción e ao desenvolvemento socieconómico da contorna. O programa da cuarta edición destas xornadas comezarán este sábado sábado 30 de abril, ás 10.00 horas, cun acto inaugural a cargo dos organizadores e tralo que a presidenta do movemento Nova Escola Galega, Mariló Candedo, guiará un coloquio sobre experiencias educativas arredor do lobo. A presentación das conclusións dun estudo desenvolvido en distintos centros educativos de Galicia sobre a percepción que teñen os alumnos respecto do lobo e a proxección do filme ‘Entre lobos’ completan o programa da primeira sesión deste foro. A segunda sesión destas xornadas de interpretación e dinamización do medio rural continuarán terá lugar o 7 de maio no centro social da parroquia friolesa de Carballo, onde se desenvolverán ao longo de toda a xornada diversas actividades de carácter formativo e de divulgación arredor da alimentación saudable. Unha homenaxe ao escritor Xerardo Quintá guiada polo xornalista David Espiño e na que intervirán como relatores Pepita Regueiro, Baldo Ramos, Ana Carreira, Antonio Reigosa e alumnos e docentes do Centro Doutor Luis Suárez de Friol, seguida, xa en quenda de tarde, dunha sesión de contacontos, servirán de colofón das xornadas.