Skip to main content

Acto de recoñecemento ao alumnado con mellores cualificacións nas Probas de Acceso á Universidade

A USC celebrará este xoves o acto de recoñecemento aos 604 estudantes de toda Galicia que acadaron unha puntuación definitiva de nove ou superior na parte xeral das Probas de Acceso á Universidade (PAU) na convocatoria de xuño. Son un total de 604 estudantes de 187 centros de ensino medio que están convocados este xoves 30 ás 18.00 horas no Palacio de Congresos e Exposición de Galicia.

O reitor Juan Viaño presidirá a sesión, na que intervirán en representación do alumnado Iván Arias Arias do IES do Camiño de Palas de Rei e a directora do IES San Rosendo de Mondoñedo, María José Cuesta Fernández, que falará en nome dos centros educativos. Cada un dos alumnos e alumnas recibirá un diploma conmemorativo. Na sesión estarán presentes ademais o alcalde do concello de Santiago, Martiño Noriega Sánchez; o secretario do Consello Social, Benigno Carril; o coordinador do Programa A Ponte para o Campus de Lugo, Javier López González; e o delegado do reitor para o Ensino Medio, Luis Hervella Torrón, así como diversos integrantes do equipo reitoral e o concelleiro de Educación do concello compostelán, Manuel Dios Diz.

No Palacio de Congresos, agárdase unha afluencia próxima ás 1.500 persoas, xa que ademais do alumnado coas mellores notas nas PAU, 371 mulleres e 233 homes, acudirán familiares e representantes dos centros de ensino onde cursaron o Bacharelato. Por provincias, 270 alumnos e alumnas proceden da Coruña, 195 de Pontevedra, 81 de Lugo e 58 de Ourense.

The contents of this page were updated on 06.29.2016.