Dúas spin-off da USC no Barcelona Mobile World Congress 2016

Investigadores da Universidade de Santiago representaron a pasada semana no Mobile World Congress 2016 de Barcelona a súa Rede de Centros Singulares de Investigación a través das súas respectivas empresas, Situm Technologies e MD.Use Innovative Solutions.
Nacidas ao abeiro do CiTIUS (Situm) e o CiQUS (MD.Use), ámbalas dúas startups foron fundadas por investigadores egresados destes centros, converténdose pouco despois en spin-offs oficiais da USC. Trátase de empresas de alto valor engadido, cuxos máximos responsables alcanzaron o grao de doutor en áreas como a Química ou as Tecnoloxías da Información.
Ubicación precisa sen necesidade de GPS
Coa nova versión da súa plataforma de localización en interiores, os representantes de Situm acudiron ao Mobile World Congress (MWC) de Barcelona para explicar as melloras da versión definitiva tanto en rendemento como en precisión, funcionalidade e experiencia de usuario.
Como resultado de máis de oito anos de investigación avanzada, Situm atópase hoxe en condicións de ofrecer aos seus clientes unha solución que non só proporciona a máxima precisión coa mínima infraestrutura, senón tamén unha ferramenta de mapeo de interiores máis rápida, con detección automática de planta en edificios de varios pisos e control de calibración de calidade. O seu sistema consegue ademais reducir drasticamente a marxe de erro e o custe con respecto a outras tecnoloxías de posicionamento en interiores.
“Situm Maps 2.0 representa actualmente a tecnoloxía máis disruptiva en localización en interiores sen hardware”. Para Víctor Álvarez, CEO da empresa, as posibilidades que ofrece esta tecnoloxía son innumerables, “onde queira que esteas, independentemente do dispositivo intelixente que empregues, as empresas de todos os sectores poderán crear incontables aplicacións para o teu posicionamento e navegación: sanidade, infraestrutura, transporte, comercio, seguridade, turismo… etc”.
Predicindo reaccións a nivel molecular
Fundada en 2015 por un equipo liderado pola investigadora do CiQUS Rebeca García Fandiño e o físico da USC Ángel Piñeiro, MD.Use xorde co obxectivo de achegar ferramentas computacionais a usuarios non especializados, nun intento por reducir a brecha entre o mundo experimental e o da computación.
Os equipos coordinados por estes científicos emprendedores levan máis de 25 anos desenvolvendo software e ofrecendo servizos externos de simulación computacional de moléculas simples e sistemas moleculares. Estas simulacións proporcionan unha gran cantidade de información a nivel atómico, que resulta de grande utilidade como complemento aos custosos experimentos desenvolvidos no laboratorio.
A empresa comercializa estudos computacionais de sistemas moleculares específicos e personalizables para optimizar os procesos industriais, co obxectivo de facilitar o deseño de novos materiais ou dispositivos baseados en técnicas a nivel molecular.