Skip to main content

Conferencia de Teresa Ribera sobre os desafíos ambientais do século XXI

Conferencia de Teresa Ribera sobre os desafíos ambientais do século XXI
Conferencia de Teresa Ribera sobre os desafíos ambientais do século XXI
Inclúese no programa de actividades do ciclo ‘Ler o mundo hoxe...’ do grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA)

A directora do Instituto de Desenvolvemento Sostible e Relacións Internacionais de París (IDDRI), Teresa Ribera, impartirá este xoves 1 unha conferencia-coloquio sobre os desafíos ambientais do século XXI. Esta é unha nova actividade do ciclo ‘Ler o Mundo hoxe...’ dedicado nesta ocasión á sustentabilidade ambiental e que organiza o grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA). A sesión comezará ás 18.30 horas no Auditorio do Centro Galego de Artes Contemporánea.

Con anterioridade ao inicio desta conferencia, entre as 16.00 e as 18.00 horas, realizarase unha visita polas hortas urbanas de Santiago que guiará Kylyan Marc Bisquert Pérez, do grupo de traballo de Desenvolvemento Comunitarios e Educación Ambiental A Eira do Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia. A visita partirá do Centro de Interpretación Ambiental de Compostela no parque de Belvís.

Teresa Ribera foi secretaria de Estado para o Cambio Climático do goberno español entre 2008 e 2011, responsable das políticas ambientais e de cambio climático así como da Axencia Estatal de Meteoroloxía. Despois dun breve paso pola industria das enerxías renovables, incorporouse ao IDDRI como asesora en Política Climática Internacional, pero asumir a súa dirección en 2014.

É licenciada en Dereito e Diplomada en Dereito Constitucional e Ciencia Política do Centro de Estudos Constitucionais, así como membro do Corpo Superior de Administradores Civís do Estado. Ademais, é colaboradora habitual de think tanks e organizacións non gubernamentais, así como de diferentes organismos internacionais. Preside a xunta asesora do Momentum for Change UNFCCC Initiative e é integrante do World Economic Forum’s Global Advisory Council on Climate e do UNSDSN’s Global Leadership Council.

The contents of this page were updated on 11.30.2016.