Skip to main content

Os premios de divulgación do CPAN destacan un traballo asesorado por físicos da USC

Cibrán Santamarina, á esquerda, xunto con Xavier Fonseca este mércores en Fonseca
Cibrán Santamarina, á esquerda, xunto con Xavier Fonseca este mércores en Fonseca
Na modalidade de artigos publicados en prensa, tamén resultou premiado un texto de José Edelstein

O programa de televisión ‘Historia del Tiempo’ acaba de recibir o premio de divulgación do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN) na modalidade de vídeos polo traballo ‘Historia del CERN’, un especial de once episodios que contou co asesoramento científico dos investigadores do Instituto Galego de Física de Partículas (IGFAE), os profesores José Edelstein, Javier Mas e Cibrán Santamarina, e o apoio da Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación da USC. A entrega celebrouse na Universidade de Zaragoza onde se celebran as xornadas científicas do CPAN.

O xurado recoñece con este premio “a calidade dos vídeos incluídos na serie, así como a completa visión que ofrecen sobre o CERN e o seu amplo impacto entre o público pola súa emisión en televisión”. Os vídeos da serie poden verse na canle de Youtube do seu director Xavier Fonseca.

O especial forma parte dunha colaboración que incluíu tamén unha segunda serie de dezaseis programas, ‘Historias de la Relatividad’, dedicados a explicar ao grande público aspectos desta teoría e do seu creador, Albert Einstein, no centenario da formulación da Relatividade Xeral. Unha grande parte do material para os programas foi gravado directamente no CERN, na casa museo de Einstein en Berna e en Berlín, o lugar onde se formulou a relatividade xeral. Os vídeos foron emitidos entre novembro do 2015 e marzo do 2016 na cadea VTv e na web de La Voz de Galicia.

Ademais de pola modalidade de vídeo, a USC e o IGFAE tamén resultaron destacados nesta convocatoria de premios polo artigo Biografía no autorizada de una estrella, asinado polo profesor José Edelstein da USC e o físico chileno Andrés Gomberoff. Este traballo, publicado na revista “Qué Pasa”, recibiu ex-aequo o premio na modalidade de artigos publicados en prensa.

The contents of this page were updated on 11.30.2016.