Skip to main content

Os profesores de Matemáticas Juan José Nieto Roig e Rosana Rodríguez López repiten na lista dos investigadores máis influentes do mundo

Os dous investigadores repiten na relación do investigadores máis influentes no ámbito das Matemáticas. Foto: Servimav-USC
Os dous investigadores repiten na relación do investigadores máis influentes no ámbito das Matemáticas. Foto: Servimav-USC

O profesor Juan José Nieto Roig e a profesora Rosana Rodríguez-López repiten un ano máis na relación de investigadores máis citados que elabora anualmente Thomson-Reuters para recoñecer os investigadores/as en ciencias e ciencias sociais máis influentes de todo o mundo. A edición de 2016 está centrada na produción científica rexistrada no período comprendido entre 2004 e 2014. Concretamente tomáronse en consideración os documentos altamente citados en revistas científicas e de ciencias sociais indexadas na Web of Science Core Collection, preto de 130.000 documentos. Thomson-Reuters considera como documentos altamente citados aqueles que se sitúan no 1% dos que máis referencias rexistran por campo temático e ano de publicación na Web of Science e de acordo co Essential Science Indicators (ESI).

Tanto Juan J. Nieto como Rosana Rodríguez forman parte do mesmo grupo de investigación sobe ecuacións diferenciais non lineares. O seu ámbito de traballo investigador aínda que de carácter básico potencialmente posúe utilidade práctica aplicado ao estudo de diversos temas da física, a bioloxía, a epidemioloxía, a medicina ou na bioinformática, co desenvolvemento de algoritmos máis eficientes para a comparación de secuencias xenéticas.

Juan J. Nieto
O profesor Juan José Nieto Roig (A Coruña, 1958) é catedrático de Análise Matemática e coordinador do grupo de investigación. Coordinou ou participou en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, nacional e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais que acumulan máis de 11.000 citas. Xa citado con anterioridade na listaxe dos científicos altamente citados no eido das Matemáticas que elabora Thomson Reuters, nas edicións de 2014 e 2015, segundo datos do ISI Web of Knowledge é o terceiro investigador máis citado a nivel mundial no campo das matemáticas.

Pola súa banda, a tamén profesora do Departamento de Análise Matemática, Estatística e Optimización, Rosana Rodríguez-López acumula, segundo os propios datos xestionados por Thomson-Reuters, un total de 40 artigos con alto grao de citación no período de análise. En total, entre 2004 e 2014 sumaría preto de 2.000 citacións, cunha media por artigo próximo ao medio centenar de referencias.

Ligazóns relacionados:

The contents of this page were updated on 11.30.2016.