A comisión externa ve no Campus Terra un proxecto global da USC crible e capaz de elevar Lugo ao escenario internacional

O Campus Terra é un proxecto global da USC que nace con credibilidade e con potencialidades para mellorar o lugar que ocupa a sede universitaria luguesa na escena nacional e internacional, onde debe aspirar a converterse en aliado e socio de colaboración desexado por todos, dixo este venres o presidente da comisión asesora externa do Campus Terra da USC, Marius Rubiralta, no acto público de presentación das conclusións do comité asesor logo de concluír a súa primeira xornada de traballo no campus de Lugo.
Acompañado do reitor da USC, Juan Viaño, e de catro dos vogais da comisión asesora externa: o coordinador do Campus de Excelencia Internacional ceiA3 da Universidade de Córdoba, Enrique Quesada; o profesor de Saúde Pública Veterinaria do Royal Veterinary College da Universidade de Londres, Francisco Javier Guitián; o director da Oficina de Tecnoloxía Académica da Universidade de Florida, Fedro S. Zuzaeta; José Manuel Cabrera, reitor da universidade mexicana de Guanajuato no período 2011-2015, Rubiralta defendeu o Campus Terra como unha estratexia de especialización acaída para que a USC lidere e contribúa ao desenvolvementos social e territorial de Galicia e xere inercias positivas. A clara aliñación de institucións políticas, axentes sociais, tecido empresarial e comunidade universitaria son elementos que reforzan a credibilidade dun proxecto de agregación universitaria ben argumentado e definido a carón dun concepto transversal como é a Terra, dixo Rubiralta, quen, de seguido, precisou que o proxecto de Campus Terra constitúe unha oportunidade, aínda que o camiño que lle queda por diante non é doado, porque “este tipo de procesos de agregación encádranse na estratexia europea e están a producirse tamén noutros territorios con outras universidades e centros como protagonistas”, dixo. Logo de destacar os avances acadados nesta primeira fase de arranque, a primeira acción de impulso decidido do Campus Terra debe vir dada pola sinatura dun novo acordo coa Administración autonómica, un plan estratéxico ou de actuación para o bienio 2017-2018 cuxa dotación orzamentaria debe canalizarse cara a captación de talento e a potenciación do persoal docente e investigador, sinalou o presidente da comisión asesora externa do Campus Terra da USC, quen tamén avogou pola potenciación da actual oferta académica de grao, así como pola posta en marcha de títulos de posgrao en colaboración con outras institucións e entidades. Rubiralta referiuse tamén á necesidade de que o proxecto de especialización do Campus Terra avance nos vindeiros anos na creación de alianzas en clave interna dentro do estamento universitario, e tamén externa, co tecido produtivo e demais sectores estratéxicos, a fin de acadar a consideración de campus de excelencia no eido agroalimentario no quinquenio 2010-2015. A prescrición, promoción e construción da marca Campus Terra é, na opinión, da comisión asesora externa, outra das áreas nas que cómpre traballar nos vindeiros anos, a fin de reforzar o carácter integrador e inclusivo dun proxecto multidisciplinar, no que, xunto cos recursos e activos propios de que dispón a USC, tamén é desexable a incorporación de novas achegas ou colaboracións externas. Outra das recomendacións achegadas pola comisión externa do Campus Terra da USC alude á progresiva incorporación de investigadores mozos e de doutorandos en proceso de formación, xa que “ o mercado e as empresas están a actuar como verdadeiras opas hostís contra as universidades pola captación deste talento”, dixo Rubiralta. O nivel de dotación de infraestruturas tecnolóxicas e equipamentos científicos de que dispón na actualidade o campus de Lugo mereceu tamén os eloxios da comisión asesora externa do Campus Terra, que tamén incidiu neste eido na necesidade de incorporar e atraer colaboradores externos para optimizar o rendemento dunhas instalacións, cuxa actividade debe camiñar cara o equilibrio entre a prestación de servizos a entidades e empresas e o desenvolvemento de investigación básica e aplicada, sinalou. Visita do comité asesor externo, acompañado do reitor e dous vicerreitores da USC á APLTA Visita do comité asesor externo do Campus Terra ás instalacións do Cebiovet Membros da comisión externa, reitor e vicerreitores da USC, nas instalacións de Pemade
