O mes de xullo, entre os máis secos dos últimos 35 anos

O mes de xullo, a piques de rematar, incorporarase á listaxe dos máis secos dos últimos 35 anos, segundo os datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. A precipitación total foi de 1,2 litros por metro cadrado, cantidade toda ela rexistrada na noite do día 21 ao 22, concretamente entre as 3.00 e as 5.00 horas.
Xullo é o mes estatisticamente máis seco na cidade do Apóstolo e na súa contorna, aclara o director do Observatorio Ángel Docobo Durántez. Coas cifras na man, Docobo apunta que existen numerosos meses de xullo con moi baixa precipitación (en torno a 15 l/m2) e mesmo casos de meses sen precipitacións como en 1974 ou 1981, neste último non se rexistraron nin en xullo nin en agosto (no aeroporto 6,9 en xullo e 0,2 en agosto).
Os datos rexistrados ata agora no presente mes repiten as condicións de 1986, 1993 e 1998 e case as de hai 35 anos. Fóra desta época do ano, José Ángel Docobo explica que outro mes sen chuvia foi marzo de 1997 “con só dúas xornadas de choiva inapreciable”. Lembra o director do Observatorio que este fóra o mes no que fora visible “o último gran cometa, Hale Bopp, que puido ser contemplado todos días daquel marzo e parte do mes seguinte”.
Sen chegar a un nivel de precipitacións cero, nos últimos anos un número destacado de meses rexistran precipitacións moi escasas:
Febreiro de 2004. Cantidade de choiva: 14,9 litros/m2. Días de choiva: 5 + 2 ip
Maio 1987. 4,2 l/m2 (2 + 1 ip)
Xuño 1996. 8,0 l/m2 (4 + 1 ip)
Xuño 2006. 8,9 l/m2 (6 + 1 ip)
Xuño 2011. 6,6 l/m2 (5 + 5 ip)
Xuño 2015. 8,1 l/m2 (4 + 2 ip)
Xullo 1984. 4,7 l/m2 (6 + 1 ip)
Xullo 1986. 1,8 l/m2 (2 + 3 ip)
Xullo 1992. 2,0 l/m2 (2 + 0 ip)
Xullo 1993. 0,9 l/m2 (3 + 2 ip)
Xullo 2015. 6,0 l/m2 (6 + 5 ip)
Agosto 1990. 8,4 l/m2 (3 + 2 ip)
Agosto 1998. 1,0 l/m2 (1 + 0 ip)
Agosto 2010. 8,2 l/m2 (8 + 0 ip)
Setembro 1989. 7,1 l/m2 (3 + 1 ip)
Outubro 2007. 2,6 l/m2 (5 + 0 ip)
Decembro 1988. 14,7 l/m2 (5 + 1 ip)
(‘ip’ significa inapreciable)
No caso contrario, a daqueles meses con precipitacións diarias, o profesor Docobo sinala novembro de 1997 (429,5 l/m2), decembro de 2000 (782,1 l/m2) e, en 2014, xaneiro (498,7 l/m2) e febreiro (441,2 l/m2).