A Escola Politécnica Superior conmemora o Día da Terra coa celebración dun acto académico e a plantación de dúas árbores
A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC conmemorou este xoves o Día da Terra 2016 coa celebración dun acto académico, no marco do que o director da EPS, Tomás Cuesta, fixo unha análise do sucedido no centro universitario ao longo do último ano.
O equipo de dirección da Escola Politécnica Superior do Campus Terra aproveitou a celebración desta sesión académica para proceder á entrega de diplomas a enxeñeiros/as titulados o pasado curso na EPS e que están propostos polo centro como aspirantes aos Premios Extraordinarios Fin de Carreira do curso 2014-15. A presentación das bases do concurso de estruturas de madeira, unha iniciativa aberta á participación do estudantado e tamén de titulados/as xa egresados/as da Escola Politécncica Superior do Campus e cuxo prazo de inscrición remata o martes, completou o programa académico do Día da Terra. A plantación de dúas plantas de alerce africano (Tetraclinis articulata) nos xardíns do centro serviu de colofón aos actos conmemorativos do Día da Terra 2016. Estas dúas plantas, tamén coñecidas popularmente polos nomes de sabina de Cartagena ou araar, petencen á familia das cupresáceas e actualmente constitúen a única especie do Xénero Tetraclinis. O alerce africano é un endemismo iberoafricano que conserva na Serra de Cartaxena as únicas poboacións da Europa Continental. É unha árbore apreciada pola súa madeira, de gran calidade e empregada en ebanistería de luxo. A resina emprégase na industria de barnices e de cementos dentarios. Tamén en medicina natural. Con estas dúas plantas de esta especie exótica en Galicia, o equipo de dirección da Escola Politécnica Superior da USC pretende enriquecer o arboretum do Campus Terra, amén de ofrecer ao alumnado a posibilidade de ver esta especie ao vivo e non só en imaxes. Exemplares de alerce africano plantados no xardín da EPS