A USC ascende ao sexto posto do ránking das universidades españolas máis comprometidas co Software Libre

A Universidade de Santiago é a sexta das 76 universidades españolas avaliadas polo seu compromiso na difusión do software libre (SL). Así se desprende do Ránking de Universidades en Software Libre (RuSL) na súa edición de 2016. A comparativa realízase en base ao indicador IDSL, no que a USC alcanza 53,95% fronte aos 34,45 de 2015, edición respecto da que mellora dúas posicións.
RuSL é un ranking especializado que clasifica as universidades en función de 65 indicadores que miden o traballo que realiza cada unha delas no ámbito do coñecemento libre dende todos os seus estamentos. O traballo levouno a cabo unha comisión de expertos do sector coa colaboración das propias universidades. En total avaliáronse once dimensións: Produción, Colaboración externa, Investigación, Axuda, Docencia, Cultura en software libre, Tecnolóxicos, Divulgación, Webmetría, Institución e Administración. Cada una delas ten á súa vez unha serie de indicadores de valor específico.
A USC sitúase no primeiro posto nos apartados relativos aos recursos tecnolóxicos utilizados e baseados en Software libre e no ámbito da axuda e o asesoramento tanto a empresas como a outras administracións públicas. En docencia ascende ata o terceiro posto, incluíndo actividades formativas específicas, así como en colaboración externa (número de comunidades e proxectos de SL, tanto de España como de fóra, cos que mantivo colaboración) e no apartado institucional, ao ter titulacións estudos técnicos e plans para a promoción do SL.
Metodoloxía RuSL
A metodoloxía de RuSL segue os principios expostos polo IREG (International Ranking Experts Group), un grupo de expertos designados pola UNESCO que desenvolveu os principios de Berlín para valorar Instituciones de Educación Superior e que serven para unificar as metodoloxías que se seguen na elaboración dos rankings e así poder comparalos.