Skip to main content

Abriu a preinscrición en Verán CampUSC, programa de actividades estivais para rapaces de 3 a 13 anos

Cartel da edición 2016 de Verán CampUSC
Cartel da edición 2016 de Verán CampUSC
Establecéronse cinco quendas de 100 prazas, 70 para a comunidade universitaria e 30 para o público xeral

Verán CampUSC é un programa de actividades estivais dirixido especificamente a rapaces e rapazas de 3 a 13 anos que organiza a Fundación USC Deportiva para integrantes da comunidade universitaria e tamén para o público xeral. A convocatoria correspondente a 2016 presentárona este luns 25 en rolda de prensa a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago, Marta Lois González; e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida.

Esta é unha iniciativa da USC que por vez primeira conta coa colaboración do Concello de Santiago e que entronca co segundo Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da Universidade compostelá en materia de conciliación e corresponsabilidade. A través da Fundación USC Deportiva a solicitude da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, tamén colaboran no seu desenvolvemento a Oficina de Igualdade de Xénero e o Servizo de Deportes da USC. Como en anteriores edicións, están previstas un total de cinco quendas: a primeira do 23 de xuño ao 1 de xullo; ao que lle seguirán outras tres no mes de xullo, do 4 ao 15, do 18 ao 22 e do 26 ao 29; e unha última do 1 ao 9 de setembro. Ofertaranse 100 prazas por período, 70 para integrantes da comunidade universitaria e 30 para o público xeral. O horario de actividades estenderase de luns a venres de 8.45 a 14.45 horas.

Inscrición
A preinscrición deberá formalizarse entre este luns 25 e o día 11 de maio. Este é un requisito que se poderá completar cubrindo o cuestionario correspondente na web da Fundación USC Deportiva (www.fundacionuscdeportiva.org). O día 13 de maio, como data límite, publicaranse as listas de admitidos e admitidas que poderán formalizar a súa praza efectuando o pagamento dende o momento da publicación das listas ata o 29 de maio.

Actividades
Verán CampUSC mestura actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer que procura axudar ao proceso de conciliación laboral de familias. En Verán CampUSC amosaranse aos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes atendendo as súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. No deseño da proposta tívose en conta a importancia da práctica físico-deportiva dende o punto de vista da saúde e como mecanismos para inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas.

Algunhas das actividades que se desenvolverán son piscina, deportes de raqueta e de combate, psicomotricidade, deportes colectivos, sendeirismo, acrosport, xogos predeportivos e populares. Pola súa banda, no capítulo de actividades de ocio e tempo libro inclúense diferentes obradoiros con distintas técnicas e materiais (modelaxe, pintura, recortables, papiroflexia,...) como cancións, xogos cooperativos, visitas a lugares significativos da cidade e do contorno.

The contents of this page were updated on 04.25.2016.