O Club de Debate Compostela, gañador absoluto do VI torneo nacional de Córdoba

O Club de Debate de Compostela da Universidade de Santiago proclamouse gañador absoluto do Torneo Nacional de Córdoba ‘’tres culturas’’ e volve a Galicia co primeiro e segundo premio. Ademais, un dos seus membros fíxose co trofeo ao mellor orador de todo o certame.
Este torneo ten a peculiaridade de ser o único en España de iniciación, é dicir, diríxese só aos que empezaron este curso no mundo do debate. Actualmente é o torneo máis grande de Andalucía e un dos maiores que se celebran en España.
Nesta edición debateron sobre se é posible alcanzar un auténtico multiculturalismo no occidente actual. A pregunta fíxose pública o 21 de marzo, data desde a cal os dous equipos da USC, de catro membros cada un, traballaron e investigaron para seren capaces de defender a postura a favor e en contra.
Formaron parte da representación da institución compostelá Pablo Calviño, Rebeca Calvo, Andrés Bernárdez, Bruno Soto, Pablo da Cunha, Estela Dios, Sara Casais e Mario Tarrío.